Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras da estrada da estación de Ribadeo avanzan a bo ritmo

Ribadeo, 11 de xuño de 2021. As obras da estrada da estación marchan a bo ritmo. Estes días trabállase  na ampliación do seu ancho. Ata alí se achegaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Obras, Medio Rural e Medio Ambiente, Mónica Freire, Marcos Villamil e Jorge Díaz, co obxectivo de analizar a evolución destas tarefas.

O rexedor explicou que “nestes días estamos cos desmontes para ampliar o ancho do viario. Vai ver duplicada practicamente a súa anchura para que así poidan existir dous carrís e tamén unha beirarrúa para que os peóns circulen coa seguridade que nunca houbo nesa zona”.

Suárez Barcia indicou que “ademais da mellora na anchura tamén se está traballando arreo para acadar o rebaixe no nivel proxectado no punto de encontro coa rúa Segundo Moreno Barcia. Este era un punto conflitivo desde sempre, especialmente para o tráfico pesado que utilizaba este circuíto de comunicación e agora estase planificando unha mellora notable, tanto para os veciños das vivendas próximas como tamén para o numeroso tráfico que se agarda unha vez se rematen os traballos. E ademais estanse a coordinar actuacións cos diferentes servizos de subministro de enerxía eléctrica, telefonía, pluviais, etcétera para que todo vaia tal e como planificaron os técnicos municipais”.

O alcalde engadiu: “hai que lembrar que esta é unha obra moi ambiciosa, tecnicamente complexa e moi custosa. Son uns 360.000 euros de proxecto, aportados nun 80 por cento pola Deputación de Lugo e o resto polo Concello de Ribadeo. Seguimos á espera de que a Xunta queira cofinanciar parte da mesma, tal e como se comprometeron varias veces en pleno o grupo municipal do PP, xunto co resto de grupos (PSOE e BNG), aínda que parece que ese día non chegou aínda. Seguimos polo tanto agardando mentres continuamos traballando nesta e noutras actuacións de interese para o noso concello”.

Exit mobile version