Ribadeo, 1 de xuño de 2021. No pleno ordinario celebrado nas últimas horas foi aprobado o Peprich para o casco vello. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “isto supón un fito histórico para o urbanismo de Ribadeo” e que “se abren unha serie de novas posibilidades de construción en bolsas e espazos do conxunto histórico que ata agora non estaba permitido”. Na sesión tamén se acordou solicitar ao Ministerio de Fomento a titularidade do alumeado das rotondas da Vilavella, Dompiñor e Vilaselán para volver iluminalas, xa que levan 10 anos vivindo “en perpetua penumbra”.
O rexedor explicou que “tivemos pleno ordinario que non foi moi longo, pero que foi moi importante e supón un novo fito histórico no urbanismo deste Concello. Pois por fin, logo de 10 anos de tramitación, logo de tres mandatos municipais, logo de ter recibido todos os informes favorables das diferentes administracións, Ribadeo, concretamente o casco vello de Ribadeo, xa ten o seu Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico, o comunmente denominado Peprich. Nos próximos días publicarase nas plataformas e nos boletíns oficiais pertinentes, pero xa podemos dicir que xa por fin haberá unhas normas claras, detalladas, pormenorizadas do que se pode facer e do que non se pode facer non casco vello de Ribadeo”.
Súarez Barcia dixo que “ademais, ábrense a partir de agora unha serie de novas posibilidades de construción en bolsas e espazos do conxunto histórico que ata agora non estaba permitido. Evidentemente co cumprimento de todas as normas ambientais, paisaxísticas e de habitabilidade”.
A iluminación das rotondas de acceso a Ribadeo foi outro dos asuntos abordados na sesión plenaria ordinaria das últimas horas: “tamén formulamos a petición do alumeado das rotondas da Vilavella, de Dompiñor e de Vilaselán ao Ministerio de Fomento. Actuamos deste xeito porque preferimos pagar nós a luz e que volva a haber luz (para garantir as seguridade especialmente dos peóns), que seguir como nestes últimos 10 anos de vivir en perpetua penumbra”.
O alcalde engadiu: “demos conta tamén dos reparos formulados pola Intervención durante o ano 2020, véndose que seguimos no camiño de reducilos con respecto aos anos anteriores, explicando ademais as motivacións de porque o temos que facer. Confiamos que ao longo deste ano poidamos seguir licitando contratos que levan moitos anos sen renovar como o da telefonía, electricidade, etc. E logo no apartado de rogos e preguntas pois atendemos aquelas peticións que perseguen a mellora do noso concello e rexeitamos aqueloutras que ou ben son imposibles de conseguir ou ben son oportunistas, que destas aínda houbo algunha”.