O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que “neste pleno extraordinario, celebrado onte, foron abordados unha serie de puntos moi interesantes. Algúns deles de remate de expedientes como foron as aprobacións definitivas das ordenanzas, tanto de uso de praias como da limpeza viaria e xestión de residuos. Estas ordenanzas modernas e actualizadas, que contaron coa implicación e coa participación veciñal a través de suxestións e de alegacións, contemplan unha serie de dereitos e deberes para o funcionamento correcto e sustentable das áreas que regulan”.
O rexedor sinalou que “tamén no pleno foron iniciados outros novos expedientes como o da expropiación dos terreos para a creación dun aparcadoiro público nas inmediacións da praia das Catedrais, seguindo as determinacións do Plan Especial de toda esta contorna que foi aprobado hai pouco tempo. Agora, haberá uns prazos de información pública, de notificación e finalmente terémoslle que pedir á Xunta que nos conceda a capacidade expropiatoria, pois os Concellos non dispoñemos dela de xeito inmediato. Trátase de ir avanzando en todo isto porque confiamos en que a Xunta, o Estado máis a Deputación se comprometan, como se comprometeron no seu momento, con este e con outros proxectos que se contemplan no Plan Especial de Protección das Catedrais e que nos axuden no seu financiamento”.
Suárez Barcia contou que “ademais neste pleno extraordinario aprobamos un suplemento de crédito que provén dos remanentes municipais para dotarnos de recursos para realizar varias actuacións que pretendemos levar adiante nos próximos tempos como son, entre outras, o rebacheo de pistas que están en mal estado e a mellora de camiños, ou mesmo a dotación de recursos para ir resolvendo o retraso no pagamento dunha serie de subvencións a asociacións culturais, así como tamén dotarnos dunha previsión económica para unha posible indemnización e reequilibrio da concesión administrativa da piscina municipal de Ribadeo, atendendo ao período de peche forzado durante as datas de confinamento por mor do covid”.
O alcalde engadiu que “outro dos acordos, neste caso tamén por unanimidade como case todos os que se aprobaron neste pleno, foi o apoio expreso da Corporación Municipal ás demandas do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao sobre a compra-venda da factoría de aluminio por parte da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais). Neste senso, acordamos instar ao Ministerio de Industria e máis á SEPI para dar cumprimento aos acordos de mandato do Congreso dos Deputados e do Parlamento de Galicia, no seu momento hai poucos meses, e que en base aos mesmos se execute a intervención pública temporal da factoría de aluminio de San Cibrao para a súa posterior venda a un terceiro e garantindo deste xeito a continuidade da produción de aluminio na Mariña e o mantemento dos postos de traballo”.