Ribadeo, 22 de xuño de 2021. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza unha serie de actividades que se desenvolverán durante o verán, entre as que se atopa o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará a finais de agosto. O día 26 de xuño comezará un curso de diagnose de vehículos con osciloscopio e posteriormente terán lugar outros de soldadura e de vídeo.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, contou que “imos iniciar outra vez toda unha serie de actividades, de aquí a finais de agosto que teremos o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos con importantes novidades. Vai haber unha incorporación bastante importante de socios europeos. Estamos en negociacións, bastante avanzadas, cun técnico de Ferrari, que non sei se vai estar presente de xeito presencial ou a través de vídeo conferencia participando nese Fórum”.
Doural explicou que “empezaremos o día 26 cun curso de diagnose de vehículos utilizando o osciloscopio. Imos ter tamén tres cursos de soldadura: de soldadura MIG, de soldadura semiautomática e de soldadura de electrodo. Estamos programando ademais un curso de vídeo con varios niveis. Todos estes cursos son para un número determinado e reducido de persoas, cun máximo de doce. Vanse realizar os sábados, agás no mes de agosto que se pode facer algunha actividade pola semana, pero que aínda non está programada”. Este programa de cursos desenvolverase en Ribadeo.
O presidente de APAGA dixo que “a idea é que, de aquí a finais de agosto, haxa un número importante de actividades. Ao final do Fórum estase mirando de organizar unha exposición feira de vehículo novo con distintas marcas. Antes do Fórum imos ter tamén posiblemente algunha exposición, que nalgún caso vai ser itinerante e despois recorrerá A Mariña. Serán as actividades para o verán. Algunhas cousas son novidosas e outras estanse a rematar coas negociacións”.