Site icon Crónica3.com A Mariña

Aínda quedan prazas para os paseos ficcionados que terán lugar este domingo en Alfoz e Mondoñedo

A Mariña, 15 de xuño de 2021. A vindeira fin de semana terá lugar a estrea das audioguías ficcionadas de Lourenzá e de Alfoz, que se suman ás xa existentes de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Os días 19 e 20 desenvolveranse varios paseos ficcionados que contarán coa presenza dos actores de Chévere, o grupo de teatro que deseñou e elaborou este proxecto para a Mancomunidade de Concellos da Mariña e no que colaboran a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e os concellos escenarios das audioguías.

Nos anos 2018 e 2019 a Mancomunidade de Concellos da Mariña puxo en marcha as audioguías das vilas históricas e portas de entrada ao xeodestino de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro en galego, castelán, inglés e francés e agora en 2021 súmanse ao proxecto as do Castelo de Castro de Ouro en Alfoz e a de Vilanova de Lourenzá, polo momento, só en galego, aínda que proximamente serán traducidas ao castelán e a medio prazo ao inglés e francés. Cada audioguía conta cun enfoque, un tratamento e un formato diferenciado, que buscan a implicación emocional por parte da persoa que escoita: provocar a curiosidade e promover que se fagan os distintos paseos.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñaba hai uns días que “se trata dunha iniciativa pioneira en España, que utiliza unha serie de recursos documentais e literarios, mapas sonoros, dramatizacións, entrevistas, voces narradoras, música… para crear unha proposta turística amena e suxestiva, que transcende á audioguía máis tradicional, que normalmente se limita á descrición dos recursos. Neste caso, proponse unha atmosfera, un ambiente moi persoal, que evoca a esencia de cada espazo e introduce ao visitante polos diferentes recursos turísticos da cidade, guiándoo e acompañándoo, dándolle a coñecer lugares e anécdotas que doutra forma lle sería moi difícil descubrir”.

E engadía que “ademais, son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas. As audioguías ficcionadas permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos, sen cita previa e nos días en que as oficinas de turismo están cerradas por descanso, vacacións, etc, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final. No contexto covid19, un produto que facilita unha actividade ao aire libre e que se pode realizar de xeito individual, aporta un novo activo á proposta”.

Co obxectivo de poñer en valor este produto e dalo a coñecer entre o público en xeral, a fin de semana do 19 e 20 de xuño terán lugar uns paseos ficcionados, a través destas audioguías, polos concello de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo cunha introdución e coloquio final da man dos seus creadores, a compañía de teatro Chévere.

Os Concellos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo animan á xente a achegarse ás súas localidades con motivo desta orixinal iniciativa, a pasar unha xornada diferente e enriquecedora da man dunha compañía de teatro de gran prestixio como Chévere e coñecer desta forma, máis en profundidade, parte do seu patrimonio e historia. Con sentidiño, trátase dunha oportunidade única e segura de poder desfrutar de historias ficcionadas e ambientadas nos catro concellos, historias que os fan únicos e diferentes.

As prazas xa están completas, ábrese lista de agarda para os paseos que se realizarán por Lourenzá o sábado, 19 de xuño, ás 12 do mediodía e por Ribadeo ás 19 horas. Pero aínda quedan algunhas libres para o domingo, 20 de xuño. O paseo de Alfoz dará comezo ás 12 da mañá e o de Mondoñedo ás cinco da tarde.

A duración dos paseos é duns 45 minutos, aos que hai que sumar a introdución e posterior coloquio. Facilitaranse auriculares. O aforo será limitado e será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, xel hidroalcohólico e a distancia física de 2 metros entre persoas non convivintes. Información e reservas: turismo@amarinalucense.gal, teléfono: 654 089 894 e na web amarinalucense.gal

Exit mobile version