Burela, 9 de xuño de 2021. A Concellería de Deportes anunciou que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na quinta edición da carreira nocturna Burela Bonita, que se celebrará o día 31 de xullo, cumprindo con todos os protocolos e normativas sanitarias vixentes nese momento. O único percorrido neste 2021 será de 5 quilómetros e o número máximo de participantes de 300.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo que “desde a Delegación de Deportes queremos anunciar que este ano retomamos a carreira nocturna Burela Bonita. Imos facer a quinta edición, o ano pasado non se puido facer debido á pandemia, e imos activala co circuíto de 5 quilómetros e imos prescindir do percorrido de 10 quilómetros. Imos pouco a pouco retomando todas as actividades e entendemos que ao mellor non era moi prudente agora empezar coas dúas carreiras”.
O edil burelés subliñou que “vai ser, como sempre, unha proba bonita e divertida, que esperemos que teña moita participación, aínda que estará limitada a 300 participantes. Desde logo, vanse seguir todas as normativas sanitarias que haxa no momento da celebración, que vai ser o 31 de xullo. Imos ter tamén categorías inferiores”.
Fernández Rey engadiu que “xa temos aberta a inscrición na páxina de championchipnorte, que nos vai axudar na organización da carreira. Queremos animar á xente a participar. Pouco a pouco imos ir retomando a normalidade dos eventos, tanto deportivos como o resto dos que temos en Burela. Isto é un atractivo máis para ter unha actividade para os veciños e visitantes”.