O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, avanzou que o Goberno galego vén de resolver as primeiras solicitudes da orde de axudas para facilitar que os concellos que teñen demanda de vivenda de promoción pública poidan crear un parque residencial para ofrecelo en réxime de arrendamento.
No caso de Sarria, a Xunta apoia con 240.000 euros a restauración dun inmoble de titularidade municipal situado nunha parcela da rúa Maior para habilitar cinco vivendas. Trátase dunha edificación de pedra que se atopa en estado ruinoso despois de ter sido obxecto de varios incendios no ano 2019, e na que a Administración local prevé levar a cabo unha actuación integral.
No resto dos concellos poranse en valor antigas vivendas de mestres. No caso de Paradela, concedéronse 96.000 euros para rehabilitar a vella escola situada nun terreo que dá en parte á rúa Galicia, que dispón de dúas casas no segundo andar. Esta iniciativa dará lugar a dous domicilios unifamiliares con estrada individual e instalacións independentes, que disporán de dúas habitacións, un salón comedor, cociña e baño.
Para acadar unhas boas condicións de habitabilidade e confort, será necesario renovar a cuberta, cambiar as carpinterías exteriores, rehabilitar as fachadas e urbanizar o acceso á parcela pola parte traseira, entre outras actuacións.
Na Fonsagrada, a Xunta achegará case 46.300 euros para crear dúas vivendas na antiga unitaria da Pobra de Burón. Tal e como recolle o proxecto do Concello, proponse reformar o primeiro andar para habilitar os domicilios nesa planta.
Pola súa banda, Alfoz contará cunha axuda de 33.000 euros para facer un espazo de uso residencial no primeiro piso dun edificio antigamente ocupado pola escola do núcleo da Pinguela. Para iso, prevese actuar na envolvente, distribución interior, albanelería, instalacións e acabados, entre outras melloras.
Características do programa
O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal en réxime de alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.
Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar).
Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 veces o Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos.
A axuda da Xunta ascende ao 90 por cento do custe da actuación, cun límite de 40.000 euros por vivenda, que se pode incrementar ata os 48.000 euros se están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.