O delegado territorial, Javier Arias, explicou que nestes últimos días as tarefas centráronse nos leitos dos ríos Vilaselán -ao seu paso polas parroquias de Ove, Piñeira e Vilaselán-, Moureira -no seu transcurso por Piñeira- e San Xulián -en Rinlo e Vilaframil-. Previamente os equipos traballaron no río Cabalar, á altura de Meirengos, da parroquia da Devesa; e no rego de Esteiro.
As actuacións consisten na roza selectiva e retirada de ramas e restos de vexetación das canles, co fin de despexar os ríos de maleza e posibilitar así a circulación fluída das súas augas.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.
Este tipo de traballos permite a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.