Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o labor do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) na investigación de recursos marisqueiros como a coquina. Nesta liña destacou que a Consellería do Mar leva investido desde 2013 case 700.000 euros na análise da situación desta especie e na procura de solucións para aumentar a súa presenza nos bancos marisqueiros de Galicia.
Así o sinalou na videoconferencia da inauguración da xornada Comportamento ecosistémico e biolóxico da coquina en Galicia, organizada polo CIMA e na que participan investigadores deste centro e doutros como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou as tres universidades galegas.
Rosa Quintana salientou a importancia dos estudos desta especie, pois é de alto interese para o marisqueo de Galicia e adoita acadar importantes cotizacións en lonxa que roldan os 40 euros o quilo. De aí, engadiu, o interese en mellorar a súa produción a través de estudos como os realizados polo CIMA, centro dependente da Consellería do Mar que investiga a situación deste recurso desde o 2013.
Nese ano, explicou a conselleira, o CIMA comezou a analizar diferentes parámetros ambientais e de poboación co obxectivo de promover a recuperación desta especie. O equipo encargado deste estudo estaba formado maioritariamente por mulleres e tamén realizou probas de cultivo e cría da coquina, de laboratorio e de estudo do seu comportamento no medio natural.
Esta liña de investigación continuou ata 2020 e na xornada de hoxe o que se presentan son os resultados das investigacións realizadas entre 2013 e o ano pasado e que contaron un investimento de máis de medio millón de euros.
Estes traballos, subliñou a titular de Mar, fixeron posible manter individuos adultos de coquina e obter semente en condicións de laboratorio, o que permitiu desenvolver un protocolo de reprodución, cultivo larvario e preengorde e replicalo de cara a futuras accións de investigación.
De feito, engadiu, esta liña de investigación continuará desde este ano ata 2024 posto que a Consellería do Mar vén de aprobar cun orzamento de máis de 174.000 euros a realización de experiencias nas instalacións do minicriadeiro que o CIMA ten no Vicedo. O obxectivo deste traballo é a reprodución e cultivo larvario de moluscos bivalvos presentes nos bancos naturais da zona como son a coquina e as ameixas babosa e fina.
Estes labores dos que forma parte o CIMA, subliñou Rosa Quintana, reflicten o valor do seu papel de asesoramento que contribúe a impulsar a produción marisqueira e de cultivo en Galicia. Ademais levan a que expertos doutros países acudan a este centro a formarse nestas materias.
Finalmente Rosa Quintana, que durante a apertura da xornada estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, sinalou que as intervencións dos distintos expertos neste evento contribuirán a intercambiar coñecementos sobre o estudo da coquina e a mellorar a investigación neste eido. Ademais agradeceu ao CIMA o traballo na organización desta xornada e ao persoal do centro de Ribadeo o seu labor no minicriadoiro do Vicedo.