Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña recibe 190.400 euros para contratar a 58 socorristas en trece municipios nos meses de xullo e agosto

Lugo, 21 de xuño de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade informou hoxe aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá contratar a 97 persoas socorristas para traballar nos meses de xullo e agosto en 36 municipios lugueses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración galega colabora coas entidades locais da provincia achegando 315.200 euros para a contratación destes profesionais que teñen encomendadas tarefas de vixilancia en praias e piscinas. Son os concellos os que que teñen a competencia para realizar directamente os contratos.

En canto ao reparto por municipios, na Mariña a Xunta destina 190.400 euros para contratar 58 socorristas. Así, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove terán seis cada un, mentres que Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova e Trabada contarán con dous.

Pola súa banda, na cidade de Lugo a Xunta financia catro contratos cunha achega de 12.000 euros; e na Zona Sur dez, cun investimento de 30.900 euros -Pantón, Quiroga, O Saviñao e Sober terán dous socorristas cada un e Chantada e Taboada un-.

A Xunta tamén apoiará a contratación de socorristas nos municipios de Antas de Ulla, Guntín, Outeiro de Rei, Rábade, Meira, Riotorto, Cospeito, Guitiriz e Paradela -dous cada un-; e Abadín, Baralla, Láncara, Monterroso, Palas de Rei, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro -un cada un-.

Coa axuda que permite aos concellos contratar persoal para a vixilancia das praias, ofrécese tamén ás persoas desempregadas a oportunidade de adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo.

Exit mobile version