Santiago de Compostela, 24 de xuño, 2021. O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso de gasto para a convocatoria de oito bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos de grao superior en materia de Acuicultura e Análise e Control que se desenvolverán no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. Para o financiamento destas accións formativas, o Executivo galego destina algo máis de 186.000 euros que se repartirán entre as anualidades 2021, 2022 e 2023 coa finalidade de fomentar a investigación e a especialización nestas materias.
Estas bolsas de especialización son para a realización de prácticas como persoal auxiliar de investigación mariña ofrecendo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitando unha preparación práctica cualificada moi útil para a súa posterior incorporación ao mercado laboral.
Trátase dunha medida que contribuirá a que os beneficiarios poidan atopar unha ocupación pero tamén a avanzar na investigación mariña, ao contar con profesionais mellor formados, o que irá en beneficio do conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro así como da economía de Galicia.
A formación realizarase durante dous anos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), tanto nas súas instalacións de Corón (Vilanova de Arousa) como no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo. Neste caso, cinco das bolsas serán para prácticas a desenvolver no centro de Corón e as tres restantes para o de Ribadeo.
A estas accións formativas poderán optar os alumnos titulados como técnicos superiores en Acuicultura ou técnicos superiores en Análise e Control. O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 900 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que está prevista nos vindeiros días.
O CIMA
O Centro de Investigacións Mariñas é un organismo público de investigación non universitaria que conta cunha ampla experiencia en completar a formación de persoal auxiliar en investigación mariña procedente da formación profesional. De feito, esta é a sétima convocatoria deste tipo que realiza o Executivo galego trala participación de 48 persoas nas seis edicións anteriores.
O CIMA ten como función básica o desenvolvemento de investigacións que permitan unha xestión racional e eficiente dos recursos mariños de Galicia así como asesorar á Administración galega nas cuestións da súa competencia que demandan os diferentes sectores produtivos. Esa boa xestión contribúe a impulsar a economía das zonas costeiras ao incidir nos resultados da produción acuícola e marisqueira.