Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta censura o recurso do executivo do estado contra o Plan do marisqueo por invadir competencias de Galicia e atentar contra o labor de preto de 9.000 profesionais

PARLAMENTO
13,00 h (aprox).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparecerá no Pleno para analizar o impacto do acordo sobre o brexit no sector pesqueiro galego. No Pazo do Hórreo.
foto xoán crespo
09/03/2021

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, censurou hoxe no Parlamento a presentación do recurso contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023 por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico por invadir as competencias exclusivas de Galicia nesta materia. A titular de Mar lamentou que se trata dun novo ataque de moita gravidade contra o sector do mar da comunidade pois atenta contra o labor de preto de 9.000 profesionais do marisqueo.

A representante do Goberno galego salientou que ese recurso está inxustificado e carece de toda lóxica pois o Estatuto de Autonomía de Galicia outorga á comunidade as competencias en materia de “pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura”. Del, engadiu, parten o resto de normas -entre os que se inclúe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira- que regulan o marisqueo desde hai décadas e que en ningún caso foron recorridas polo Executivo do Estado.

“O Goberno galego leva 29 anos -desde 1992- tramitando e aprobando os plans de explotación marisqueira sen que houbese problema algún ou solicitude por parte de ningún dos gobernos de informes preceptivos ao respecto. Tampouco se fixo referencia nin se adoptaron medidas por parte do Goberno central contra as diferentes normas que dispoñen a formulación destes plans”, aclarou Rosa Quintana.

A titular de Mar incidiu na incongruencia do recurso presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico pois nada cambiou na normativa que regula esta materia e subliñou que o informe ao que fai referencia o recurso non é preciso neste caso ao igual que non o foi nos 29 plans xerais de explotación marisqueira aprobados nas últimas décadas.

A conselleira do Mar defendeu que esta é unha mostra máis da guerra aberta polo Goberno central contra o sector do mar de Galicia, algo que queda patente tamén na actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica durante a tramitación do recurso. Antes da súa presentación o Goberno central fixo un requirimento previo no que pediu directamente a derrogación do plan xeral en vez de solicitar aclaracións ou a presentación de alegacións.

Galicia explicou a improcedencia da petición do Goberno central e aclarou que a orde pola que se aproba o plan non outorga zonas de explotación marisqueira, nin en réxime de autorización nin de concesión, polo que non é necesario o informe sobre a ocupación de dominio público marítimo-terrestre que demanda o Estado.

“O plan para os anos 2021-2023 segue a liña dos plans anuais anteriores, para os que non se requiría ese informe, e que en ningún caso foron recorridos polo Executivo central. A única novidade é que pasan a establecer obxectivos (biolóxicos, ecolóxicos e socioeconómicos) a tres anos”, remarcou Rosa Quintana.

Impacto no sector
As explicacións da Xunta, non obstante, non foron atendidas polo Goberno estatal, que presentou un recurso que mostra a falta de sensibilidade co sector obviando a súa realidade e poñendo en risco o desenvolvemento normal da súa actividade. “O importante neste proceso non somos os Gobernos senón o marisqueo galego. A posibilidade de que se suspenda preventivamente (ou se derrogue) o plan xeral xeraría un baleiro legal na xestión e explotación dos recursos marisqueiros pois eliminaría as regras que garanten unha actividade ordenada, sustentable e respectuosa co medio ambiente”, subliñou a titular de Mar.

A conselleira incidiu no impacto que esa situación tería no sector pois afectaría aos 94 plans de xestión incluídos no Plan Xeral de Explotación Marisqueira, deseñados polo propio sector en colaboración coa Administración, e poría en risco a actividade de 8.700 persoas na comunidade, unhas 3.700 dedicadas ao marisqueo a pé e arredor de 5.000 que traballan no marisqueo desde embarcación.

Por iso, a Xunta vai adoptar as medidas que sexan precisas para defender ata as últimas instancias os intereses do sector e un modelo de xestión con décadas de historia, baseado na coxestión dos recursos e que xa ten demostrado a súa eficiencia e eficacia. Ademais, lembrou que as entidades que se consideren prexudicadas poden persoarse como codemandadas no proceso, como xa están a facer moitas confrarías e federacións de confrarías de pescadores de Galicia.

Exit mobile version