Riotorto, 7 de xuño de 2021. A Xunta de Galicia aprobou hoxe inicialmente o Plan básico municipal (PBM) de Riotorto, que se converte así no oitavo concello galego que supera este trámite e segue avanzando cara ao obxectivo de dotarse o antes posible dun instrumento propio de ordenación, o primeiro no seu caso.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o municipio lucense para notificarlle ao alcalde, Clemente Iglesias, a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento —37 en toda Galicia— poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.
Tras agradecerlle ao Goberno local a súa aposta por esta nova figura, creada ao abeiro da Lei do solo e que se enmarca no obxectivo da Xunta de ningún concello sen PXOM, a conselleira felicitou tanto ao alcalde como ao equipo redactor do documento polo traballo realizado e o seu compromiso para garantir un urbanismo responsable no concello.
“Imos facer o posible para sacar á luz esas potencialidades que ten este concello de maneira que llo poñamos máis fácil aos que viven aquí e aos que queiran investir en Riotorto”, declarou a conselleira, que engadiu que na ordenación do territorio “ten que imperar sempre o sentido común” e avogou por “explorar e vender” esa Galicia “onde se respira tranquilidade e se vive moi ben” pero na que tamén se poden atopar “puntos para seguir nutríndonos economicamente e que os mozos opten por quedarse” en concellos como Riotorto.
Cómpre lembrar que para axudar e motivar aos municipios sen planeamento a tramitar un PBM, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro ‑o do Concello do Páramo‑ ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos plans (Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río, Trabada e Ribeira de Piquín).
Desde a aprobación inicial fai seis meses do primeiro Plan básico municipal correspondente ao concello do Páramo, Riotorto convértese no cuarto municipio en superar este trámite na provincia de Lugo e no oitavo que o fai en toda Galicia, dando así un paso decisivo de cara a dotarse dun marco propio en materia urbanística.
O obxectivo da Xunta, indicou a conselleira, é que os nove municipios que foron pioneiros á hora de empezar a traballar no seu PBM poidan telos aprobados definitivamente a finais deste ano ou comezos de 2022.
Neste sentido, lembrou que, a día de hoxe, tan só queda pendente de recibir a aprobación inicial da Consellería o plan de Ribeira de Piquín, salientando o bo ritmo co que se están a tramitar estes documentos.
Pola súa banda, o alcalde, Clemente Iglesias, salientou que hoxe é “un día moi feliz para todos os veciños e por suposto, tamén para o Concello” porque o PBM “é un instrumento urbanístico esencial e básico” para os municipios que non teñen un plan xeral aprobado e que “garante unha seguridade xurídica” que antes non había.
Clasificación de solo urbano e núcleos rurais
O plan aprobado inicialmente hoxe clasifica no concello de Riotorto un único ámbito de solo urbano, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de xeito que os sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas. Así mesmo, o PBM delimita un total de 67 núcleos rurais: 60 deles de tipo tradicional, 6 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común.
En canto aos elementos significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto merecedores dunha protección especial, o documento identifica e cataloga un total de 118 dos cales son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 68 etnográficos. De todos estes elementos, cómpre subliñar que a gran maioría (concretamente 88) foron incorporados ao longo do proceso de elaboración do propio PBM, mentres que os 30 restantes xa estaban recollidos no Plan básico autonómico.
Unha década a prol do urbanismo responsable
A tramitación dos primeiros Plans básicos municipais da Comunidade enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.
Neste sentido, cómpre lembrar que hai un segundo grupo de nove concellos de menos de 5.000 habitantes (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) nos que se están a realizar desde marzo os traballos técnicos para cartografar os seus respectivos territorios. Trátase dun paso previo e imprescindible para a redacción dos PBM, polo que se agarda que este ano tamén reciban un pulo definitivo.