“Hai unha viabilidade técnica, hai unha viabilidade ambiental e hoxe a Xunta trasladoulle ao Goberno que é posible unha viabilidade económica na medida en que neses mecanismos de poxa se poidan contemplar proxectos vinculados ás zonas de transición xusta”, dixo Conde tras a xuntanza na que presentou o informe que avala economicamente o proxecto, e que xa foi trasladado onte ao comité técnico das Pontes, onde están presentes o Concello, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Endesa.
O proxecto presentado pola Xunta para converter a central das Pontes nunha planta de biocombustibles suporía un investimento de 30 millóns de euros cun prazo de execución que comezaría a principios de 2022, unha vez finalizadas as probas de enxeñaría e posta a punto. Segundo precisou, permitiría crear máis de 100 empregos e dar unha resposta aos traballadores da central, da industria auxiliar e aos transportistas.
Trátase dunha alternativa que suporía a reconversión da central térmica das Pontes nunha planta 100% renovable, un proxecto que precisa dun compromiso real do Goberno, xa que para o seu desenvolvemento requirirase un réxime retributivo de 30€/MWh.
Neste contexto, Conde tamén manifestou o compromiso da Xunta de seguir colaborando na Mesa de Transición das Pontes na busca de alternativas e respostas. “Na medida en que se poidan concretar esas alternativas e na medida en que se poida concretar o modelo de cogobernanza, a Xunta seguirá colaborando co Ministerio a través dos convenios de transición xusta”, aseverou. Non obstante, reiterou que para que esa transición sexa verdadeiramente xusta, Galicia precisa “concreción, certezas e alternativas”.