O programa que sumou maior número de apoios foi o Bono autónomo: 103 expedientes que alcanzan unha contía global de 238.200 euros. Esta media financia estratexias de negocio e marketing así como compra de equipamento, equipos informáticos, reformas e mobiliario, entre outros elementos.
Porén, o maior volume de investimento concéntrase no programa de promoción do emprego autónomo; a Consellería apoiou con 365.000 euros a incorporación como traballadores autónomos de 94 persoas desempregadas. Trátase de axudas directas, dun mínimo de 2.000 euros e un máximo de 9.000 euros, para as persoas que causaron alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020.
Ademais de fomentar o emprendemento, a Xunta tamén axuda a consolidar e impulsar o crecemento destas empresas con apoios á contratación de traballadores. Acolleuse a estas achegas un empresario mariñán, que recibiu 9.000 euros.
Os cinco concellos que concentran máis apoios son os de Ribadeo, con 41 axudas e 135.700 euros de investimento; Foz, con 34 axudas e 103.200 euros; Viveiro, con 87.100 euros para 25 expedientes; Burela, 22 axudas e 61.700 euros; e Mondoñedo, que alcanza as 18 achegas e 55.000 euros.
Arias lembrou que a Consellería convocará proximamente de novo estes programas. Hoxe mesmo publícase no DOG o terceiro Plan de rescate e o vindeiro luns ábrese o prazo para presentar as
solicitudes. Igualmente, o Consello da Xunta aprobou onte a convocatoria do Bono Autónomo, e nas próximas semanas iranse poñendo en marcha as demais medidas.
Ao respecto, o delegado afirmou que “a realidade socioeconómica da nosa provincia indica que os autónomos son vitais para unha recuperación do emprego, e apoialos para que poidan remontar a situación xerada pola pandemia, crecer e ampliar os seus mercados é unha prioridade para a Xunta de Galicia”.