Site icon Crónica3.com A Mariña

A residencia de maiores de Ribadeo está de 2º aniversario, “un orgullo polo seu bo funcionamento”, salienta Fernando Suárez

O alcalde ribadense dixo que “se cumpren nestes momentos dous anos desde que a nova residencia municipal de maiores de Ribadeo iniciase felizmente a súa nova andaina. Foran oito anos de traballo, de obxectivo teimudo e imperturbable de empeño en que Ribadeo tivese un novo centro residencial, posto que sempre houbo unha demanda social de máis prazas públicas en Ribadeo”.

O rexedor lembrou que “tivemos que loitar contra a incomprensión da Xunta, pois non vía necesario facer unha nova residencia en Ribadeo porque, como dicían naqueles momentos, non podía haber residencias en todos os sitios como tampouco podía haber polígonos industriais ou piscinas en todos os concellos. Contra todas as negativas daquela, contra todas as demoras e contra todas as faltas de compromiso dos responsables da Xunta daquel momento, fomos erguendo un parapeto, fomos facendo oídos xordos a esas voces que nos querían facernos resignar e fomos atopar o apoio, o compromiso e a defensa dos dereitos dos maiores, dos máis vulnerables, onde o atopamos sempre, na Deputación de Lugo”.

Fernando Suárez indicou que “foi esta institución a que nos axudou economicamente tanto na construción do inmoble como, o que se tornou case máis importante, que é a súa xestión, o seu mantemento e o seu control para converterse neste momento nun dos modelos de xestión máis notables dos que a lexislación vixente nos permite. É dicir, unha xestión pública e directa por parte de dúas administración, o Concello e a Deputación, para xestionar a vida, a longa vida diría eu, dos seus moradores, en número máximo de 48”.

O alcalde manifestou: “quixemos, polo tanto, dar cumprimento a aquelas tres premisas, que sempre dicíamos, de ter unha nova residencia en Ribadeo, preferentemente para os de Ribadeo (sen prexuízo de coller a outros da comarca, por suposto) e a prezos asumibles para as súas rendas. Eu penso que este obxectivo conseguímolo. A residencia a día de hoxe funciona moi ben e é un orgullo para todo Ribadeo. Eu como alcalde agardo que esta celebración do segundo ano de funcionamento sexa un preludio de moitísimos anos máis de feliz estancia dos nosos maiores”.

Suárez Barcia engadiu que “agora, como sempre, toca manter este reto, este soño colectivo feito realidade, do que nos sentimos moi orgullosos, pero tamén temos que facerlle fronte, agora tamén, a outros desafíos nos que estamos metidos como é, por exemplo, a mellora e a reforma do Hospital Asilo de Ribadeo. A ver se agora a Xunta de Galicia redime as súas penas e decide apoiar intensamente esta nobre actuación xa que non o fixo coa residencia. Habémolo ver en seguidiña”.

Exit mobile version