Nestes cribados habitualmente xenéranse un gran número de casos que precisan da realización de probas complementarias para completar o diagnóstico e que se facían no propio centro mariñao.
O colectivo sanitario advirte que esta é outra agresión máis á sanidade pública da comarca e ás mulleres mariñás por parte do goberno da Xunta, que de novo alonxan os servizos sanitarios públicos das veciñas, e consideran ás persoas da Mariña como cidadás de segunda clase, sen acceso aos servizos máis básicos cerca do seu lugar de residencia.
Segundo comenta a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro, o servizo de radioloxía do hospital da Mariña leva moito tempo “a medio gas”, ao ter dúas prazas de radiólog@ sen substituir, despois da xubilación dunha das profesionais e o traslado de facto da outra facultativa, “razón que probablemente ten influencia nesta nefasta decisión de trasladar ao HULA a realización destas probas complementarias, que multiplican o grado de sufrimento e medo das mulleres que precisan confirmar se padecen ou non un cancro”.
As colonoscopias que se xeneran do cribado de cancro de colon foron as primeiras que se derivaron a Lugo, malia dotación de dúas equipas de endoscopias que existe no centro mariñao. Se ben no seu día o Sergas alegou que estas derivacións respondían únicamente a razóns técnicas relacionadas cos equipos tecnolóxicos, desde este colectivo cremos que é unha estratexia máis do goberno galego para baleirar de contido os hospitais das áreas máis periféricas, en favor dos macrohospitais construídos nas capitais, seguindo a súa folla de ruta de centralización nas urbes da sanidade pública.