Viveiro, 21 de xuño de 2021. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que a mellora da depuradora de Viveiro estará funcionando a comezos de 2022 e pide axilidade a Costas para autorizar o saneamento de Celeiro e culminar un investimento de case 8 millóns de euros nesta ría.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe o avance das obras da mellora das liñas de tratamento da depuradora municipal, unha actuación estratéxica para mellorar a calidade das augas da ría.
Destacou que estas obras, cun investimento autonómico de preto de 4 millóns de euros, teñen por finalidade ampliar en case un 50% a capacidade de tratamento da depuradora para que poida asumir as augas, non só do núcleo de Viveiro, senón tamén incorporar as de Celeiro.
Segundo explicou a conselleira, trátase de solucionar as deficiencias que presenta esta instalación, mellorando notablemente a calidade da auga que se verte á ría de Viveiro.
Precisou que as obras se atopan a pleno rendemento, pois xa están rematadas as demolicións e as instalacións do novo reactor biolóxico e do edificio de soplantes, e iniciada a zona de pretratamento.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade concretou que as actuacións acadan un grao de execución do 25% e progresan a bo ritmo, de tal forma que no mes de xaneiro será posible iniciar a súa posta en marcha en probas.
Os traballos consisten na creación dun novo pretratamento de dúas liñas, con procesos de desareado e desengrasado; a construción dunha terceira balsa do reactor biolóxico e un novo edificio para as soplantes necesarias para a reacción desas balsas e os bombeos. Tamén se levará a cabo a instalación dun novo sistema de desinfección por cloración, ademais de melloras na liña de lodos. Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Ethel Vázquez destacou, tamén, que a Xunta agarda estar xa na fase final dos trámites para poder iniciar, o antes posible, a contratación das obras do saneamento de Celeiro e de construción do novo emisario submarino, para o que cómpre a autorización de Costas do Estado para a retirada do actual, cuxa tramitación a Xunta iniciou xa no ano 2016.
Avanzou que en canto o Goberno galego dispoña desa autorización, se licitarán as obras do saneamento de Celeiro, que consistirán na execución dun novo bombeo e dun depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais dese núcleo cara ao novo pretratamento da depuradora.
Fixo fincapé na aposta da Xunta polo saneamento da ría de Viveiro, apoiando ao Concello nas súas competencias, como tamén se prevé facer tamén nos municipios de Foz, de Burela ou de Barreiros.
Lembrou que este apoio autonómico debe vir acompañado da intervención do Concello de Viveiro nas redes de saneamento municipais, coa fin de poñerlle freo aos aportes contaminantes e darlle sentido a todo este traballo e investimento nas infraestruturas hidráulicas para a mellora do saneamento da ría.
A Xunta leva investido na última década máis de 1.100 millóns de euros para cumprir coas directivas europeas en materia de augas, dos cales a metade, máis de 500 millóns, se corresponden con actuacións para a mellora do saneamento de aglomeracións situadas en torno ás rías.
A conselleira remarcou estas intervencións ao considerar a importancia socioeconómica e ambiental das rías, que sustentan actividades como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, pero tamén o turismo.