Ribadeo, 22 de xuño de 2021. A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo retoma este curso o programa Musiqueando polas parroquias, que dera comezo antes da pandemia. Esta semana chegará ao Círculo Habanero de A Devesa. Será o xoves, 24 de xuño, ás 20:00 horas.
O responsable da EMMeD, Hugo García, explica que “continuando cun dos principais obxectivos do centro, que é ser motor sociocultural do concello, a escola vén de programar unha pequena actuación na Devesa, para que as persoas que non residen no casco ribadense, e lles poida resultar máis complicado asistir ás actividades que a EMMeD habitualmente programa, as poidan coñecer máis de cerca. Será unha mostra do traballo que leva feito ao longo do curso unha parte do alumnado do centro”.
García sinala que “nos vindeiros cursos escolares faremos outras quendas de actuacións nas parroquias restantes”.
Remate do curso
Por outra banda, o responsable da EMMeD, subliña que “decidiuse ao igual que en Nadal, por precaución e dadas as restricións actuais de aforo, non celebrar o Festival de Fin de curso. A sabendas de que este festival é un dos que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público, publicarase o día 26 de xuño, tanto na páxina web da EMMeD coma nas redes sociais, un festival virtual que diferentes especialidades gravaron ao longo destas semanas”.
Hugo García engade que “desde a Escola queremos agradecer a toda a comunidade educativa o esforzo e a implicación neste curso tan complicado. Así mesmo, resaltar unha vez máis, o apoio incondicional que desde a Concellaría de Ensino se brinda á EMMeD”.