Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abre o prazo de presentación de candidaturas aos segundos premios á hostalería e ó turismo da provincia

Lugo, 2 de xuño de 2021. A Deputación de Lugo abre o prazo de presentación de candidaturas para a segunda edición dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle este mércores, 2 de xuño, as bases da convocatoria destes galardóns da Deputación, que poñen en valor e visibilizan o traballo e a calidade do sector turístico e gastronómico da provincia. As candidaturas poden presentarse dende mañá ata o vindeiro 2 de xullo, incluído.

Como novidade, na segunda edición destes galardóns, as candidaturas poden presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata, tal e como se solicitou no Consello Provincial de Turismo. Así mesmo, a proposta pode ser presentada por persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro que teñan repercusión positiva no turismo e na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliñou que estes premios, impulsados pola institución provincial “son unha medida para apoiar aos sectores turístico e hostaleiro da nosa provincia, algo especialmente importante nestes momentos porque estes establecementos foron os que sufriron especialmente o impacto das restricións sanitarias pola pandemia”.

Serán nomeados tres premios en cada categoría e será o Consello Provincial de Turismo o que actúe como xurado nunha sesión extraordinaria. Premiarán a singularidade ou a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia de Lugo, entre outros factores. As bases tamén recollen que os recoñecementos Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense serán entregados nun acto público, sempre que a situación sanitaria o permita, o vindeiro 27 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Turismo. Os vencedores recibirán un diploma acreditativo e unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo.

Primeira edición
Na primeira edición destes galardóns foron premiados a asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, a Fundación Uxío Novonveyra, o Concello do Vicedo, a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada. “ Os cinco premiados nesta primeira edición, cada un dende o seu ámbito e coa súa propia receita, comparten algúns trazos que compoñen un plan de traballo cara o futuro. Un plan de traballo que penso que se pode resumir en tres grandes ideas: natureza, tradicións e innovación”, sinalou o Presidente no acto de entrega.

Exit mobile version