Matilde González foi a portavoz da Asociación nunha charla con alumnado e profesorado do centro, na que falou sobre as orixes e características da asociación A Concordia e acompañou ao alumnado coas súas explicacións e anécdotas a través da obra do artista. A asociación A Concordia foi creada en Ribadeo en 1903 como unha Sociedade de Socorros Mutuos e Instrución. Os socios, na súa maioría obreiros, pagaban unha cota e así dispoñían de médico, medicinas, pensión para a vellez e instrución para os seus fillos e fillas menores de 18 anos. Na época de maior esplendor chegou a ter 274 socios e máis de medio centenar de socios protectores, directivos e donantes. Un deles foi Ramón González, o cal, entre outros moitos beneficios, doou un terreo para construír a súa sede social.
Actualmente ten preto de 100 socios, a maioría dos cales son fillos e netos daqueles primeiros fundadores, pero está aberta a calquera que queira asociarse e seguir colaborando cunha Sociedade que xa pasa de centenaria e que é, posiblemente, das poucas que queden en España daquelas primeiras de Socorros Mutuos.
A colección que a asociación A Concordia conseguiu reunir de familiares, amigos, prensa e publicacións da época está composta de medio centenar de debuxos e gravados moi variados e de distintas épocas: ilustracións para libros e folletos, publicidade de xabóns, festas patronais, semana náutica,… Unha mostra testemuñal que recupera parte do legado artístico de Amando Suárez Couto e revaloriza o interese cultural que toda a familia Suárez Couto amosou por Ribadeo. Un legado que tanto a Asociación A Concordia como o IES Ribadeo Dionisio Gamallo consideran necesario conservar e coñecer.