A alcaldesa explica que se puxo en contacto telefónico coa conselleira, tras as declaracións e informacións aparecidas nos medios de comunicación nos últimos días, para reiterarlle a necesidade do proxecto e a inviabilidade de realizalo se o Concello ten que asumir un terzo do orzamento; “non só pola magnitude do mesmo e o orzamento que manexa a institución local, senón tamén por unha situación económica herdada de xestións anteriores que situaron a este Concello na práctica quebra técnica.”
Neste sentido, explica que “desde o goberno municipal continuamos a realizar xestións para obter fondos que permitan levar a cabo o proxecto redactado por Augas de Galicia, razón pola que se remitiu o proxecto para a súa toma en consideración ao Ministerio como proxecto tractor con cargo a fondos europeos que se poidan recibir no Estado; unha vez trasladada a imposibilidade técnica de avaliar comparativamente outras alternativas máis económicas presentadas polo Concello de Barreiros ante o ente autonómico”
Ana Ermida, reitera así ante a Consellería “o interese do Concello de Barreiros por levar a cabo dito proxecto que xa conta co aval técnico preciso (aínda que poida ser necesaria a actualización do mesmo, dado o tempo transcorrido); así como a necesidade da obtención de fondos adicionais que supoñan rebaixar a aportación municipal ata unha porcentaxe viable para un Concello coma Barreiros, que conta con un orzamento municipal de arredor de 4 millóns de euros e unha amortización anual de débeda superior ao 10% do mesmo.”
Solicita igualmente na misiva remitida “a aposta do goberno galego por este proxecto fundamental no saneamento das augas -xa que ademais ten un especial impacto na zona costeira, mesmo en zonas de especial protección como Rede Natura, a área de protección das Catedrais e zonas próximas- incluíndoo como prioritario á hora de posibles fondos que puidera xestionar a administración galega.”
Para Ermida a necesidade de levar a cabo este proxecto e o seu impacto transcende o ámbito local e reitera a necesidade de implicación doutras administracións “se realmente existe un interese en levalo a cabo”.
“Por iso, desde o goberno traballamos con rigorosidade e continuidade desde diversos eidos para a procura da viabilidade económica do proxecto, partindo de que a regra dos terzos trasladada pola Xunta a este Concello no seu momento non é realista, ao ser sobradamente coñecida a imposibilidade do Concello de Barreiros de asumir con fondos propios máis de 1 millón de euros”, conclúe a rexedora.