Lugo, 29 de xuño de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade achegará 299.400 euros aos concellos da Mariña para levar a cabo accións encamiñadas a fomentar a igualdade e a previr a violencia de xénero.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informaron hoxe da resolución desta orde de axudas, que permiten impulsar medidas de igualdade no ámbito local, co dobre obxectivo de contribuír a que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades e avanzar na erradicación da violencia de xénero.
Ao abeiro desta convocatoria, O Goberno galego financia actuacións de catro programas. A maior contía vai destinada á rede de Centros de Información á Muller (CIM), integrada na Mariña por catro centros que dan cobertura a 13 concellos. Así, o CIM de Mondoñedo cubre Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto; o de Ribadeo dá servizo a Barreiros, A Pontenova e Trabada; o de Burela a Alfoz e O Valadouro e o de Viveiro funciona de xeito individual.
As axudas concedidas para o mantemento dos CIM nesta área suman 211.000 euros e permitirán soster postos de traballo de persoal de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e axentes de igualdade. Os dous responsables autonómicos salientaron que a Xunta atendeu todas as solicitudes presentadas polas entidades locais para estes centros.
Outra das liñas destina 60.200 euros a financiar accións de fomento da conciliación en cinco concellos mariñáns: Xove, Ourol, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro.
En canto ao programa orientado á posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, na convocatoria deste ano destínanse 28.200 euros para seis entidades locais da comarca con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Os concellos beneficiarios son Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol e Xove.
No conxunto da provincia, esta convocatoria da Xunta achega case un millón de euros (988.914 euros) a 57 concellos, o 85% do total. López Abella e Arias salientaron que todas estas medidas teñen por obxecto fomentar a igualdade desde o ámbito municipal, que resulta idóneo por ser o máis próximo á cidadanía e coñecer a situación específica da súa poboación.