Ribadeo, 16 de xuño, 2021. A nova residencia de maiores de Ribadeo, para a que foi pedido o nome de José Mª Rodríguez Rodríguez Díaz, hai dous anos que comezou a recibir os primeiros residentes. Oito persoas que foron as primeiras en incorporarse ás 48 prazas que se foron enchendo a medida que se ía collendo a rutina diaria.
Con ese motivo, os membros da Plataforma pro residencia que mobilizou á poboación primeiro, e logo, mediante a convocatoria dunha manifestación, inclinou ós políticos a colaborar entre si e coa poboación para conseguir o que hoxe vemos funcionar, decidimos dar de novo as grazas a todos, dende as asociacións de veciños que constituíron a plataforma ata a última persoa que apoiou unha manifestación histórica en Ribadeo, ó tempo que lembramos que a labor non rematou nin rematará mentres a residencia estea a funcionar.
Parece mentira… xa dous anos funcionando. E con sorte e bo facer da dirección e persoal, sorteando o estado de pandemia. Non sen un custe ó quedar cada residente illado, dun xeito non menos lamentable por ser considerado necesario. Lonxe queda cando hai máis dunha década Juan Pulpeiro e José Antonio Ares contactaron con José Mª Rodríguez e logo coa AVV O Tesón e o resto de asociacións veciñais e comezou o longo proceso para ter unha nova residencia de maiores en Ribadeo.
Hai tamén máis de dous anos, vai para tres, que presentamos alegacións lóxicas ós documentos básicos de funcionamento da residencia, que marcan cousas como os criterios de admisión ou o xeito de pago. Alegacións que no seu momento foron adiadas na súa resolución para que comezara a funcionar canto antes, prometéndosenos en pleno, a pregunta da daquela concelleira Aurora González antes da aprobación definitiva, que serían abordadas como reforma do aprobado na primeira xuntanza da comisión reitora da residencia. Seguen adiadas.
No medio, o intento (cando menos, non tido en conta) de poñer en marcha unha asociación de apoio, ou a idea clara de que para que as cousas funcionen a longo prazo hai que facerlles un seguimento transparente e apoialas de xeito consistente, e, se son de todos, como o caso da residencia, en ambas cousas debemos participar todos.
Así que aledámonos cando nos decatamos pola prensa dunha celebración interna cunha comida especial e a descuberta nun muro dunha árbore, realizada poñendo nas follas os nomes dos residentes ata o momento, e con fotos da visita de alcalde e concelleira do ramo. Lamentamos, iso si, que a nota de prensa do concello pase por alto algúns recoñecementos e sensibilidades, que esperemos se amañen no futuro, así como a necesidade de implicación da sociedade en conxunto, e non só das institucións que a representan, no coidado dos nosos maiores.
En fin, quedaría moito por dicir: só con repasar as verbas de José Mª no seu resume ‘Final feliz para unha histórica epopeya’, en época xa tan lonxe como 2014, podemos facernos unha idea de que o que tanto custou conseguir débese manter con cariño e traballo cara ó futuro. E nesas estamos.