Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Xanelas ao mar’, unha exposición que homenaxea aos traballadores do mar e, especialmente, ás mulleres de Rinlo

Ribadeo, a 20 de maio de 2021. ‘Xanelas ao mar’ é unha exposición fotográfica que se poderá ver ata o 30 deste mes de maio nas rúas de Rinlo da man da asociación de veciños O Cantal coa colaboración da Xunta de Galicia.

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, agradécelle polo tanto ao colectivo veciñal o seu traballo e a posta en marcha desta iniciativa que pretende poñer en valor o pobo de Rinlo “que é unha vila mariñeira por excelencia”, pero tamén á súa xente.

O voceiro popular destaca que “estas imaxes renden homenaxe aos traballadores do mar e, especialmente, ás mulleres que tiveron e teñen un papel fundamental no pobo de Rinlo”. Igualmente, pon en valor “o relevo xeracional” que conforman os mozos que traballan no mar e que constitúen o futuro do sector e da vila.

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo seguirá traballando e colaborando coas asociacións de veciños para impulsar proxectos e promocionar as nosas vilas e os nosos sectores económicos.

As imaxes, tamén nun vídeo
A primeira parte da exposición xa deu comezo o ano pasado e aínda se poden ver as fotografías nos establecementos hostaleiros da vila. Este ano continúa con esta segunda parte e cunha terceira que consistirá na proxección dun vídeo na praza de San Pedro de Rinlo.

Exit mobile version