Viveiro, Burela, Fene, Moaña e Pontecesures son os municipios seleccionados para participar nesta iniciativa, que conta con financiamento autonómico e que se deu a coñecer na véspera do Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebrou o primeiro sábado de maio.
O proxecto incorpora actividades para todos os públicos como a representación da peza teatral ‘Vaia Tea’, que convida a reflexionar sobre o consumo de roupa a través do humor, ou a feira ‘Comercio con Sentido’, sobre a produción e comercialización do café, o cacao e o azucre.
Ademais, contémplanse accións dirixidas especificamente ao persoal político e técnico dos concellos, entre elas encontros informativos con entidades dos países do Sur e mais un acompañamento permanente para contribuír ao cumprimento do ODS 12.
Trátase dun dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas, co que se busca “garantir modalidades de consumo e produción sustentables”, e que chama en concreto a “promover prácticas de adquisición pública que sexan sostibles”.
Ademais, este ano o Día Mundial do Comercio Xusto celébrase baixo o lema “reconstruamos con xustiza”, reivindicando que a recuperación da crise económica derivada da pandemia camiñe cara un cambio de modelo no que se prioricen os Dereitos Humanos e a protección do planeta.
O comercio xusto é un movemento social e unha alternativa comercial que permite loitar contra a pobreza e a exclusión. A transparencia, o prezo xusto ou a igualdade salarial cítanse entre os seus principios básicos, entre os que tamén se atopan a non discriminación e o rexeitamento do traballo infantil. A defensa de condicións de traballo dignas e do respecto polo medio ambiente figuran tamén entre as súas liñas transversais.
Solidariedade Internacional
Baixo a premisa de promover unha cooperación internacional progresista, de vangarda e con capacidade para provocar cambios profundos que dignifiquen a vida das persoas, desde hai máis e dúas décadas Solidariedade Internacional de Galicia ten posto en marcha uns 60 proxectos de cooperación para o desenvolvemento en 15 países da man de 36 organizacións locais. Ademais, veu traballando con máis de 7.500 estudantes e abriu tres tendas de comercio xusto nas cidades de Ourense, Pontevedra e A Coruña.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.