Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria épica e vital. Pescados Rubén 4-3 Ribera

Burela, 22 de maio, 2021. O conxunto de Sito Rivera tirou de xesta para pechar o Sábado Laranxa ao grande, tras a vitoria das Guerreiras pola mañá, con tres puntos de ouro fronte a Aspil Jumpers Ribera Navarra FS (4-3). A Bomboneira estalou no último segundo, sobre a bucina, cun golazo de Renato para seguir medrando ante as adversidades antes de emprender a semana decisiva dos laranxas. Tras a iniciativa e o xogo dos locais na primeira parte con 2-1, os de Tudela souberon dar un paso adiante dando a volta ao marcador ata o 2-3. O porteiro xogador, nos tres últimos minutos, brindoulles a éxtase aos burelistas.

Os laranxas dispuxeron dos seus mellores minutos superado o ecuador do primeiro acto. Tras a iniciativa no luminoso de Quintela no 11, aproveitando o rexeite de Gus na tentativa de Javi Rodríguez, os de Sito Rivera imprimiron moito perigo. Rozaron o segundo nos seguintes compases Pazos, ao pau, e Giasson, fronte a Gus. Quixo frear a evolución local Pato con tempo morto, pero no 13 Iago Míguez conseguiu selar o 2-0 tras a pisada de Matamoros. Do que podería ser o terceiro galego no 18, cun pé prodixioso de Gus ante Quintela en estratexia pasouse ao 2-1 no 19 para o Ribera; Terry aproveitou un erro defensivo con Edu tapando en primeira instancia. Antes do descanso a conexión entre Iago e Mata a punto estivo de ver ampliada a vantaxe dos locais.

A posesión foi visitante na continuación. No 26, o Pescados Rubén Burela dispuxo da súa grande ocasión de ouro para o terceiro da tarde, con Álex Diz, pero sacou o xusto o pé Gus para salvala. Entón soubo aproveitar Aspil en transición rápida, co dobrete de Terry. Tocoulles vivir aos mariñáns certos apuros na rede, que resolveron con seriedade. A maxia de Matamoros volveu facer vibrar acariñando de novo a vantaxe e por partida dobre, no 34, primeiro ao traveseiro e pouco despois sen que o 10 burelista puidese concretar ao pase de Álex Diz. Perdoou o conxunto de Sito Rivera e conseguiu demasiada recompensa o Ribera no 35 para poñerse por diante por primeira vez na cita, no 35, cunha transición culminada por Gabriel. A quenda do xogo de cinco chegou con tres minutos por diante; Javi Rodríguez puxo o grao máximo de emoción cun golazo de forma inmediata para o 3-3 e sobre a bucina Renato provocou o delirio co definitivo 4-3 á escuadra.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, David Pazos, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Javi Rodríguez, Giasson, Iago Míguez, Álex Diz, Lucho

Aspil Jumpers Ribera Navarra FS: Gus, Lemine, Pablo Ibarra, Javi Sena, Gabriel, cinco inicial; tamén xogaron David, Terry, Javivi, Dani Martín, Pedro, Uge, Nil

Goles: 1-0, minuto 11, Quintela; 2-0, minuto 13, Iago Míguez; 2-1, minuto 19, Terry; 2-2, minuto 26, Terry; 2-3, minuto 35, Gabriel; 3-3, minuto 37, Javi Rodríguez; 4-3, minuto 40, Renato

Árbitros: Mayo López // Moreno Durán. Por Burela amarela para Javi Rodríguez (minuto 13), Quintela (minuto 27), Matamoros (minuto 32). Por Ribera amarela para Gabriel (minuto 8), Javivi (minuto 17), David (minuto 30), Gus (minuto 40)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 30 (aprazada) disputado en Vista Alegre.

Exit mobile version