O voceiro, Daniel Vega, sinala que “non é entendible que o propio BNG impulsara unha comisión en relación á construción da residencia de maiores de Ribadeo e que agora se negue a crear unha comisión para a mellora do asilo na que participemos todos, sen individualismos”. Por outra banda, o popular traslada o seu agradecemento ao grupo socialista por respaldar e votar a favor da proposta para a que o Grupo Municipal Popular tiña solicitado un pleno extraordinario.
O popular recorda que “a comisión estaría integrada por técnicos municipais -de servizos sociais, de valoración e xestión da herdanza e aqueles que traballen no proxecto do asilo-, representantes dos grupos políticos da corporación, das administracións implicadas no proxecto de reforma do asilo -todas aquelas que colaboren con orzamento- e da familia do doutor Moreda, se é preciso”.
Vega engade que “o Grupo Municipal non cesará o seu empeño en buscar financiamento para completar o orzamento preciso para o arranxo do noso hospital asilo”.
Facturas pendentes
O Grupo Municipal Popular xa advertira en pleno fai tempo da existencia de facturas pendentes de pago correspondentes ao ano 2019. “Naquel momento o BNG tildounos de mentirosos, pero non era tanta mentira porque agora tivo que aprobar nun pleno extraordinario unha cantidade orzamentaria para pagar esas facturas”, manifestou o voceiro, Daniel Vega.
O popular explica que “levan dende o 2019 sen cobrar distintos colectivos, asociacións deportivas e tamén moitos empresarios que fixeron traballos para o Concello e que deberían ter cobrado en tempo e forma”. O Grupo Municipal Popular votou a favor do pago das facturas pendentes por “responsabilidade” e porque, “en determinadas cuestións, debemos estar unidos”.
Dinamización da economía local
Tamén apoiaron os concelleiros populares dirixir 150.000 euros á campaña de dinamización do comercio local a través das Panchas. “Este tipo de iniciativas incentivan a economía local; pero seguimos botando en falta axudas directas aos negocios que viron mermados os seus ingresos debido á pandemia como teñen impulsado outros concellos coma Cervo, Viveiro ou Mondoñedo”, segundo manifestou Vega.
O popular destacou, neste sentido, a achega de máis de 329.000 euros de axudas directas da Xunta aos hostaleiros ribadenses tanto a través do primeiro plan de rescate coma a través do programa para a mellora das súas terrazas.
Vega asegura que “o Grupo Municipal Popular seguirá colaborando cos veciños e co tecido económico da vila porque Ribadeo é o único que nos move”.