Site icon Crónica3.com A Mariña

Valioso punto. Pescados Rubén Burela 6-6 ElPozo Murcia

Burela, 11 de maio, 2021. Bo punto de partida para o Pescados Rubén Burela no seu maratón, aínda que con certo sabor agridoce. O conxunto de Sito Rivera estreou a recta de 7 finais cun trepidante 6-6 ante a grandiosidade de todo un histórico, ElPozo Murcia Costa Cálida. Nunha cita moi equilibrada e de alternancias no electrónico, os laranxas dispuxeron de vantaxe de dous goles en dúas ocasións; con 6-4 os visitantes rescataron o empate no últimos catro minutos avalados polo xogo de cinco.

Sen amedrentarse, o Pescados Rubén Burela FS recibiu o poderoso ElPozo Murcia FS disposto a todo. Aproveitaron os de Sito Rivera un mal entendemento nas filas visitantes para poñerse por diante no electrónico xa no minuto 5 con Quintela. A punto estivo de ver o segundo Renato no 6, cunha perna maxistral de Antonio Navarro. Tocoulle entón aplicarse a Edu; o de Narón mantívose perfecto nas chegadas visitantes. A Bancada Laranxa a punto estivo de celebrar o segundo antes do ecuador do primeiro acto, cun pase de Álex Diz que non puido rematar Iago Míguez ao segundo pau. O que non aproveitou o conxunto mariñán si o fixo o de Giustozzi, que conseguiu igualar a contenda con Rafa López ao segundo pau no 11 e poñerse por diante tan só dous minutos despois, con Pol Pacheco no rexeite dunha tentativa á contra. Tras a ameaza de Cholo Salas contra o pau, a efectividade caeu ao lado burelista, parar devolver o dominio no luminoso, con dobre diana entre os minutos 14 e 16 e denominación de orixe de Xoias Laranxas, primeiro coa recuperación de Renato e máis tarde co golazo de Pitero tras a perda visitante fronte a Lucho e o pase de Giasson. Con 48 segundos para o descanso e despois dun novo aviso de Cholo Salas, ElPozo puido marcharse aos vestiarios con 3-3, de Marcel, ao segundo pau desde Felipe Valerio.

Regresou ElPozo forte buscando a rede de Edu, pero foi o Pescados Rubén o que sacou rédito subindo o 4-3 no minuto 22, con Renato desde saque de banda, apoiado en Matamoros. Iago Míguez deulle ás aos mariñáns no 26, culminando ao segundo pau a transición conducida por Quintela, a pase de Álex Diz. Cunha boa presión, os burelistas mantiveron baixo control aos murcianos, pero Paradynski conseguiu reducir rozando o 30 de xogo, finalizando un rexeite desde saque de banda. Con todo, aí estaba a complicidade entre Matamoros e Renato para ampliar distancias co selo de hattrick do 12 burelista, no 33. Respondeu ElPozo con xogo de cinco; Pol Pacheco conseguiu reducir de novo no 36, quedando só no segundo pau na entrada de Kaluza para que Edu puidese ser atendido tras unha parada coa cara. A un e medio da bucina, Darío Gil subiu a igualada na súa aposta por porteiro xogador.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Pitero, Javi Rodríguez, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron David Pazos, Matamoros, Renato, Quintela, Álex Diz, Iago Míguez, M. Kaluza

ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Antonio Navarro, Rafa Santos, Fernando, Darío Gil, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Cholo Salas, Felipe Valerio, Marcel, Pol Pacheco, Matteus, Ismael López

Goles: 1-0, minuto 5, Quintela; 1-1, minuto 11, Rafa Santos; 1-2, minuto 13, Pol Pacheco; 2-2, minuto 14, Renato; 3-2, minuto 16, Pitero; 3-3, minuto 20, Marcel; 4-3, minuto 22, Renato; 5-3, minuto 26, Iago Míguez; 5-4, minuto 30 Paradynski; 6-4, minuto 33, Renato; 6-5, minuto 36, Pol Pacheco; 6-6, minuto 39, Darío Gil

Árbitros: Gallo Suárez // Hevia Campa. Por Burela amarela a Renato (minuto 13), David Pazos (minuto 18), Quintela (minuto 32). Por ElPozo amarela para Fernando (minuto 3), Rafa Santos (minuto 23), Marcel (minuto 27), Felipe Valerio (minuto 39)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre.

Exit mobile version