Cervo,11 de maio de 2021.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio.
Deste xeito un ano máis a Praia do Torno recibe o distintivo de Bandeira Azul, pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.
Ademais, tal e como deu a coñecer no día de a Adeac o “Sendero Azul” do Torno tamén contará con esta insignia, por sexto ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.
O rexedor quixo felicitar tamén de novo a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por cuarto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “estamos satisfeitos porque estes recoñecementos veñen referendar o labor que levamos anos desenvolvendo para buscar a calidade dos nosos recursos naturais, o que supón unha importante inversión en infraestruturas, en saneamento e no coidado e mantemento destes espazos, e estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.
A edil de Medio Ambiente, pola súa banda, recordou, que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño dos que temos que desfrutar con responsabilidade e gardando o distanciamento social correspondente, dada a situación excepcional que vivimos”.
Desde o Concello de Cervo pídenlle á cidadanía que goce dos diferentes areais que ten o municipio, pero sempre con responsabilidade, e seguindo as recomendacións de Sanidade e todas as medidas de prevención vixentes conta o COVID-19.