O retén chairego tardou 4 minutos en chegar ás instalación da empresa chairega logo da alerta do 112 –o sábado 22, ás 20.29 horas- e traballou toda a noite de xeito ininterrompido ata o cambio de quenda ás 09.00 horas do domingo. Na intervención participaron 6 efectivos do parque en dúas quendas e nun primeiro momento o equipo trasladou un vehículo de altura e unha bomba urbana lixeira, pero ao trasladarse o foco á planta superior incorporáronse novos medios: a carroceta do Concello de Vilalba, un camión nodriza e 2 efectivos do Parque de Lugo, 2 bombeiros das Pontes cun nodriza e un vehículo de altura, 3 brigadas de Medio Rural con carroceta, camión cisterna da AXEGA e persoal do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella. O domingo pola mañá pediuse o reforzo cun autoescala de Sarria e o brazo de Monforte. Na intervención utilizáronse máis de 100.000 litros de auga.
Os responsables provinciais tamén visitaron a nave industrial de Jamones Otero, para comprobar os danos causados polo lume. O incendio, que comezou nun afumadeiro de xamóns, afectou tamén á planta superior e ao tellado. En total quedou afectada un tercio da nave, duns 2.000 metros cadrados.
O Consorcio Provincial de Lugo para Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento está formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e inclúe os parques de Vilalba, Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Sarria e Viveiro.