Site icon Crónica3.com A Mariña

Todo listo para a celebración das XXVIII Xornadas Técnicas da Fundación Expomar e do XXVI Encontro Empresarial, este xoves e venres

Burela, 19 de maio de 2021. Todo está listo para a celebración das XXVIII Xornadas Técnicas da Fundación Expomar e do XXVI Encontro Empresarial, que terán lugar os días 20 e 21 de maio respectivamente.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde burelés, Alfredo Llano, dixo que “mañá vamos comezar unhas novas Xornadas Técnicas da Fundación Expomar. Son as número 28, xa unha boa cantidade de tempo na que se veñen tratando os temas do mar. Este ano leva o título de 2021: Odisea na pesca, que nos parece suxestivo dada a problemática a crise constante que está tendo sempre o sector náutico pesqueiro”.

O rexedor manifestou que “este ano non temos feira porque non se puido organizar esta exposición que era habitual facela cada 2 anos. A do 2019 foi unha edición para lembrar toda a vida porque foi unánime o parecer de todos os expositores sobre que mereceu moito a pena porque houbo moitas transaccións e contactos, polo que o rendemento foi grande. Polo tanto contábamos que este ano viñeran os mesmos expositores e xa tíñamos pensado incluso ampliar a superficie para poder acoller aínda a máis. Pero ao non poder facerse debido á pandemia, como todo o mundo sabe, dedicámonos a organizar unhas boas Xornadas Técnicas e un Encontro Empresarial para esta edición, que considero que teñen moito interese”.

Alfredo Llano relatou que “os que van falar son xente moi preparada para abordar temas referidos á náutica pesqueira. Entre eles hai representantes das tres administracións: a europea, pois participa Emilia Gargallo, que é a directora general de Asuntos Marítimos y de Pesca da Comisión Europea; a estatal, que está representada por Isabel Artime, que é a directora general de Pesca Sostenible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e a clausura correrá a cargo de Rosa Quintana, a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, que tamén está tendo moi boa implicación sempre con nós. E na parte empresarial contamos cunha persoa que representa moi ben a este sector, que é Javier Garat, o secretario xeral de Cepesca e presidente de Europêche”.

E engadiu que “como temos estas primeiras espadas para falar de diferentes temas, con diferentes ángulos e perspectivas, o que se trata é de informar e de ter un exemplo claro de atención ao sector náutico pesqueiro, para que encontre respostas e certeza, que gañe confianza, porque realmente agora hai cousas que preocupan. Por tanto eu penso que mañá nestas Xornadas Técnicas poden saír moitos temas importantes. Entre todos vamos facer o mellor posible para que dean o seu rendemento e desde logo saiamos satisfeitos de ter organizado estas xornadas 2021: Odisea na pesca. Todo isto vai estar moderado por Javier Fraga, que é o director de Abanca Mar”.

Llano explicou que “despois, ao día seguinte, vamos ter o Encontro Empresarial, que é algo tradicional tamén. Chega á edición número 26, vaise facer telematicamente e participarán moitas representacións do sector pesqueiro de Galicia e de Asturias. E a principal consecuencia desta cita sempre é as conclusións finais que se sacan, que son moi representativas das preocupacións do sector e que enviarán ás diferentes administracións (europea, estatal e galega). Así que é algo moi agardado por todos aqueles que teñen interese en saber como vai o tema da pesca ultimamente desde a perspectiva empresarial”.

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar agarda que “sexa unha boa iniciativa da Fundación Expomar, que non ten outra razón de ser máis que axudar dentro do posible ao sector náutico pesqueiro, e que estas dúas xornadas sexan moi beneficiosas para motivarnos e facer unha boa feira exposición no ano 2023”.

Exit mobile version