Site icon Crónica3.com A Mariña

Sumidoiros sinalizados en Burela para concienciación medioambiental

Burela, 18 de maio de 2021. A Concellería de Medio Ambiente xunto coa asociación A Mariña Sen Plástico comezaron a sinalizar sumidoiros en Burela co fin de concienciar á poboación sobre os residuos mal xestionados e o efecto que teñen sobre os ecosistemas mariños.

A edil Toñi Eijo explicou que “desde a Delegación Municipal de Medio Ambiente xunto coa asociación A Mariña Sen Plástico comezamos a sinalización dos sumidoiros no noso pobo. Fixémolo na rúa Eijo Garay nos que pode verse a mensaxe o mar comeza aquí xunto coa silueta dun bonito e as ondas do mar”.

A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “o obxectivo da campaña é concienciar á poboación sobre os residuos mal xestionados e o seu devastador efecto sobre os ecosistemas mariños. Todo o que arroxamos aos sumidoiros ou ao chan finalmente chega ao mar. A contaminación que sofren os océanos é unha das ameazas máis urxentes ás que nos enfrontamos”.

Eijo engadiu que “o plástico, as cabichas e ultimamente as mascarillas e as luvas son un verdadeiro problema que poñen en risco a vida de moitas especies. Pouco a pouco iremos sinalizando mais sumidoiros noutras rúas do noso pobo”.

Exit mobile version