Santiago de Compostela, 03 de maio de 2021. “Os mariñeiros non están vacinados porque a Xunta non os quere vacinar”. Así de tallante se amosou hoxe o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, que acusou á Xunta de “mentir” e caer na “irresponsabilidade de utilizar a vacinación para confrontar” responsabilizando ao Estado, antes de lembrar que Euskadi e Cantabria xa teñen a tódolos seus mariñeiros vacinados “porque o goberno vasco así o quixo, igual que podería querer a Xunta”.
Torrado explicou que “cando Galicia decide incluír priorizar a vacinación das traballadoras do SAF é unha decisión do goberno autonómico que non tódolos gobernos están tomando e Galicia si, e ben tomada está”. Engadiu que “cando Euskadi ou Cantabria deciden vacinar aos mariñeiros tamén é unha decisión autonómica e parécenos ben”, e polo tanto, “por espello, se Galicia non os vacina é porque non o decidiu”.
O responsable socialista urxiu ao goberno galego a “deixar de utilizar argumentos espurios para confrontar e atacar ao Estado e comecen a utilizar as 100.000 vacinas que deixan cada día nas neveiras do Sergas para comezar a vacinar aos mariñeiros”.
Explicou que a ponencia de Vacinas, integrada por técnicos, un deles proposto pola Xunta, é quen decide unha proposta de vacinas, e da un marco “que as comunidades autónomas poden variar se así o consideran”.