Burela, 15 de maio, 2021. A sexta irmandiña xa pode lucir na vitrina laranxa. O Pescados Rubén Burela FS demostrou unha vez máis o seu xene gañador impoñéndose na final da XIV Copa Galicia ao Ourense Envialia (5-1).
As mariñás encamiñaron xa a reafirmación do título de Riazor 2019 nos primeiros segundos, estreando o luminoso en estratexia, nunha falta iniciada por Cami e culminada por Peque. Vane freou co pé a Dany antes de chegar á medianía do primeiro acto; tamén avisou pouco despois o entendemento entre Peque e Cami. Volveu rozar o segundo o conxunto de Julio Delgado no 13 cun pase de Ale de Paz a Leti que soubo cortar Jenny Lores. Con moitos atrancos na finalización, as ourensás non conseguiron crear perigo na rede de Sandra, tan só nunha falta un pouco antes e sobre o 15 con Laura Uña. No minuto 17, Bea Mateos deulle o merecido tanto ao Pescados Rubén para subir o 2-0 en complicidade con Jane, que entrou pegando no poste.
Ale de Paz en carreira, nun disparo cruzado rozou o terceiro na volta ao parqué, cun Ourense que tamén se amosou con máis protagonismo xerando ocasións. Jozi tivo que aplicarse ata en tres ocasións frente a Iria Saeta. No 25, unha man prodixiosa de Vane evitou que as Guerreiras ampliasen a fenda fronte a Leti Cortés nun disparo que tocou en Jenny Lores. Peque quixo sorprender por arriba superado o 30 de xogo; tamén tivo unha de ouro Luísa Mayara fronte ao esforzo das da cidade das Burgas. Foi precisamente a capitá laranxa a encargada de selar o 3-0 sorteando a Vane ao bordo da área no minuto 35. Respondeu Envialia con xogo de cinco sen éxito As Guerreiras distanciáronse ata o 5-0 en tan só dous minutos, con Dany aproveitando un saque de banda de Iria Saeta e despois con Leti a porta baleira. O gol da honra para as das Burgas púxoo María a pouco menos de dous minutos para a bucina final.
Regreso á liga
O Pescados Rubén Burela FS retomará os compromisos ligueiros o vindeiro sábado, 22 de maio, coa visita de STV Roldán FSF a Vista Alegre na penúltima xornada da segunda fase (12.30 horas).
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Cami, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Lara Balseiro, Jane, M. Cortés, Bea Mateos, Luísa Mayara, Elena Aragón, Jozi Oliveira
Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Laura Uña, Iria Saeta, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Judith, María, María Arias, Carmen
Goles: 1-0, minuto 1, Peque; 2-0, minuto 17, Bea Mateos; 3-0, minuto 35, Peque; 4-0, minuto 36, Dany; 5-0, minuto 37, M. Cortés; 5-1, minuto 39, María
Árbitros: Castro Nantes // Pérez Muñiz. Por Burela amarela a Lara Balseiro (minuto 4). Por Ourense amarela para Iria Saeta (minuto 16), Vane (minuto 33)
Incidencias: Final da XIV Copa Galicia disputada no pavillón da Gándara de Narón. Xunto ao presidente burelista, Manuel Blanco, as Guerreiras Laranxas tamén recibiron o apoio do alcalde de Burela, Alfredo Llano, dende o palco de autoridades, encabezado polo presidente da RFGF, Rafael Louzán. Peque recibiu o galardón de Máxima Goleadora da cita e a ourensá Chiky, o de MVP.