Dirixida polo seu titular, David Ballester, a Banda ribadense interpretou Ammerland, de Jacob de Haan; Valiance, de Roberto W. Smith; Celtic air and dance nº 3, con arranxos de Michael Sweeney; Alborada gallega, de Xoan Montes con arranxos de Fernando Froján; Cidra, de Reveriano Soutullo; Música mestres, de Juan L. Diéguez; e O Chopo, de Manuel Iglesias Domínguez. Como bises tocou Banda galega, de Felisindo Pérez Seara, e o himno galego, de Pascual Veiga.
Durante o concerto David Ballester agradeceu “a colaboración do Concello, concretamente das concellerías de Cultura e de Deportes, por facilitarnos ensaiar no pavillón polideportivo municipal, e ao Ribadeo Fútbol Sala, por deixarnos as súas instalacións para gardar o noso material”. Ademais o director da formación pediu ao público un forte aplauso para os músicos “polo gran esforzo que están realizando nestes momentos complicados e duros” e tivo un recordo para Hernán Naval porque o día 17 deste mes cumpríronse 20 anos do seu pasamento, sendo director da Banda de Ribadeo.