Ribadeo, 11 de maio de 2021. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto das Letras Galegas este sábado, día 15, no campo de herba artificial do colexio Gregorio Sanz. Será a súa primeira actuación neste ano.
O director da Banda ribadense, David Ballester, anuncia que “despois dunha tempada sen actuacións da Banda Municipal de Música de Ribadeo pois desde o Nadal non puidemos levar a cabo ningún concerto xa que o seguinte que tíñamos previsto era o de Semana Santa pero polas restricións que había nese momento non se puido facer, agora si volve ofrecer o seu concerto das Letras Galegas, que neste caso vai dentro do programa de Letras no Campo, organizado polo Concello de Ribadeo, e será este sábado, día 15, ás oito da tarde no campo de herba artificial do colexio Gregorio Sanz”.
David Ballester agradece a colaboración “das concellerías de Cultura e de Deportes do Concello de Ribadeo e do club Ribadeo Fútbol Sala porque tal e como está situación os ensaios non se poden levar a cabo sen gardar unhas medidas hixiénico sanitarias e como os músicos teñen que estar cada un a dous metros do seu compañeiro por falta de espazo non podemos ensaiar onde o facíamos antes, na Casa do Mar, e tampouco no auditorio, polo cal volvemos ensaiar no pavillón polideportivo para poder levar a cabo este concerto”.
O director da Banda de Ribadeo adiantou que no concerto deste sábado, para celebrar o Día das Letras Galegas, “a gran maioría das pezas que se interpretarán son obras galegas ou de temática galega”.
Ballester remata invitando á xente “a que se achegue ao campo de herba artificial do colexio Gregorio Sanz o sábado 15 ás oito da tarde. Polo ben de todos deben gardarse as distancias de seguridade, usar a máscara e todo o que faga falta para que todo isto acabe o antes posible e poidamos volver á normalidade e facer os concertos como antes”. Ademais advirte que “en caso de mal tempo a actuación tería que suspenderse porque non dispoñemos dun sitio pechado onde se poida facer cumprindo as normas actuais debido á pandemia”.