Ribadeo, 14 de maio de 2021. O Concello ultima os preparativos para o I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará na localidade mañá, sábado. Preto de 500 participantes federados se darán cita nesta proba, que contará coa colaboración de máis dun cento de voluntarios “para axudar e sinalizar durante o percorrido”, segundo explica o edil de Deportes, Jorge Díaz Freije.
E subliña que “toda a proba está verificada co protocolo covid19. Agardamos que supoña un apoio importante esta fin de semana para os hoteis e restaurantes de Ribadeo”.
O alcalde, Fernando Suárez, agradeceu “o apoio necesario e impagable dos Concellos de Barreiros e Trabada. Con todo, e aínda que é importante para o deporte, para Ribadeo e para a economía local, seguro que algunha molestia se pode ocasionar durante o sábado á mañá. Desde a organización, os colaboradores e mais o Concello de Ribadeo queremos pedir desculpas por anticipado ao tempo que solicitamos comprensión pola importancia do evento”.
O Half Triatlón Ribadeo realizarase en dúas modalidades: Short e Half. Os participantes na Short nadarán 1.000 metros, percorrerán 42 quilómetros en bicicleta e farán 10 quilómetros de carreira a pé. E na Half serán 2.000 metros a nado, 81 quilómetros en bicicleta e 19,2 quilómetros de atletismo.
A saída da Short está prevista para as nove da mañá e a da Half para as 9:30 horas.
Todo a información pode atoparse na web www.halftriatlonribadeo.com