Barreiros, 21 de maio, 2021. O GDR-1 Terras de Miranda contando coa presencia da Directora Xeral de Agader, Inés Santé Riveira, e o subdirector Xeral de Agader Moisés Blanco Paradelo, así como representantes da Xunta Directiva do grupo, presentou a Guía Turística do territorio na casa de turismo rural “Araucaria House” en Barreiros, proxecto subvencionado polo programa Leader.
A elaboración da guía forma parte dun proxecto de animación do GDR-1 “Impulso do produto de turismo rural e da oferta turística de Terras de Miranda – Turismo de Lugo” financiado co programa Leader e que se desenvolve tendo en conta a Estratexia de Desenvolvemento Local do grupo.
Esta guía turística “Vive la Auténtica Terras de Miranda” persigue fomentar o coñecemento das potencialidades de Terras de Miranda – Turismo de Lugo presentando a oferta turística global do territorio.
A guía, que conta con unha iconografía propia, que está presente ao longo de todo o documento, ten a seguinte estrutura: unha parte xeral: Portada e introdución e unha parte específica de información por concellos: fotografía xeral e introdución, mapa de imprescindibles, que ver e facer: patrimonio cultural, natureza, museos, rutas recomendadas e festas e celebracións, outros lugares de interese, onde comer e onde durmir.
Cada Concello se identifica ao longo da guía con unha cor dentro da gama cromática empregada.
Para a elaboración da guía contouse coa empresa Valora Consultores e cos Concellos, cos cales se contrastou e verificou a información que contén respecto a cada un.
Dentro duns días farase a distribución da mesma a cada Concello para que a poña a disposición das oficinas de turismo e establecementos que queiran dispoñer da mesma para os turistas.
A guía contén un código QR para poder ser descargada e consultada comodamente en calquera momento e onde tamén se irá actualizando a información.