Site icon Crónica3.com A Mariña

Poder cruzar a ría é cuestión de días

Ribadeo, 5 de maio de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, agarda con prudencia que pronto se reanuden as comunicacións entre Asturias e Galicia, unha vez que remate o estado de alarma. O rexedor cualifica de experiencia inédita e moi dura a vivida polos veciños e veciñas de Ribadeo e do Occidente asturiano, que levan moitos meses sen poder estar cos seus familiares e amizades.

Suárez Barcia dixo: “o valoramos con moita prudencia. Oxalá que así se confirme esta noticia e que dentro de poucos días poidamos volver reencontrarnos, porque a verdade é que botamos moito de menos aos nosos amigos e aos nosos familiares en moitas ocasións, durante todo este tempo que non puidemos estar con eles e non puidemos ir alí, como supoño que os do Occidente tamén nos botarán de menos a nós”.

O alcalde manifestou que “queremos ir a Tapia, á Veiga ou a Castropol como supoño que os de Taramundi, os dos Oscos ou os da Caridad, por poñer por caso, tamén estarán desexosos de volver andar, pasear e comprar en Ribadeo, e quen di Ribadeo di en toda A Mariña”.

O rexedor ribadense sinalou que “todos estes meses a verdade é que supuxeron unha experiencia inédita, moi dura, e que se ampliou por moitísimo tempo, e agardemos agora que poida ser realidade dentro duns días, se as circunstancias sanitarias o permiten, que esperemos que si. Estamos todos detrás da ciencia, a ciencia é a única que nos vai salvar e neste caso esperemos que así sexa canto antes”.

Fernando Suárez cre que “máis aló de falsas e artificiosas polémicas alimentadas moitas veces co nome da ría, moitas veces por quen non ten que facer, eu penso que estes si que son os verdadeiros lazos que nos unen”.

Exit mobile version