Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP chama a atención a subvención de 20.000 € a UGT, da que é responsable en Lugo o irmán de Tomé

Lugo, 13 de maio de 2021. A sombra da dúbida planeou ou planea aínda sobre algúns procesos selectivos convocados pola Deputación de Lugo dende que o socialista José Tomé preside a Deputación de Lugo.

Decisións como a de aportar unha subvención ao sindicato UGT, do que é responsable en Lugo o seu irmán Ángel, ou a pouca sensibilidade demostrada cos antigos traballadores de Suplusa encargados das zonas verdes conforman un panorama de xestión de recursos humanos que leva a que moitos dos máis directamente afectados se pregunten que foi do Tomé sindicalista. O grupo popular, por medio do viceportavoz José Antonio García, demanda do goberno provincial, e sinaladamente do seu presidente, máis transparencia na xestión de persoal e un trato igualitario para todos os integrantes do cadro de persoal.

Cando a finais do ano pasado, o presidente Tomé concedeu unha subvención de 19.997,50 euros ao sindicato UGT, do que é responsable en Lugo o seu irmán, non foron poucos no campo sindical os que expresaron certo malestar, tanto polo pouco estético do feito en si, como polo que puidera ter de discriminación con respecto a outras organizacións. O convenio, para actividades de asesoramento a persoas afectadas por ERTE, firmárono José Tomé e Ángel Tomé.

Na mesma liña de decisións de estética brumosa enmárcase a selección de Sonia Verdes, ex deputada socialista, como veterinaria da Deputación, un proceso no que quedou en segundo lugar o ex concelleiro socialista lucense Daniel Piñeiro. É este un asunto que posiblemente aínda dará moito que falar.

A disolución de Suplusa levou a que os seus traballadores, por decisión do goberno provincial, teñan presentes laborais moi distintos. Mentres algúns foron incorporados ao cadro de persoal da Deputación, outros (os encargados das zonas verdes) foron subrogados en Tragsa, onde seguen, aproveitando que, mediante a compra dunha acción, esta empresa ten a consideración de medio propio da Deputación. Por que se da tal discriminación? A resposta tena o presidente da Deputación. Non hai que esquecer que hai abertas reclamacións en vía xudicial, tanto de funcionarios que consideraron danados os seus intereses profesionais, como de aspirantes a prazas na Deputación que se consideran inxustamente valoradas.

Hai cuestións dificilmente entendibles na política de persoal que desenvolve o presidente da Deputación. Por exemplo, o persoal de Mantemento da Deputación leva dous anos sen recibir roupa de traballo. O goberno provincial decidiu centralizar a compra de equipos de traballo, e mentres os outros servizos xa empezaron a recibir o equipamento, os de Mantemento seguen sen el. Agora, por outro lado, Tomé logrou crear algunha preocupación entre o persoal da TIC.

Tomé non ten só na Deputación frontes abertas en materia de selección e xestión de persoal na Deputación. Como alcalde de Monforte, conseguiu dar notoriedade ás probas para selección de axentes de policías locais ao facelas coincidir coas convocadas pola Academia Galega de Seguridade; finalmente, ningún dos poucos que se presentaron as probas en Monforte logrou superalas. Tamén ten aberto Tomé unha fronte de conflito con traballadores do Conservatorio.

Exit mobile version