O popular engade que “a nula capacidade de reacción do alcalde socialista ao longo do estado de alarma coloca a Burela no furgón de cola de tódolos concellos da Mariña. Unha proba disto é a incapacidade do actual alcalde para completar unha liña de axudas directas ao comercio e á hostalaría ao longo deste último ano de estado de alarma cando noutros concellos da nosa contorna xa están a repartir unha segunda liña de axudas locais”.
Os populares cren que “o alcalde Llano quixo delegar os plans de rescate noutras administracións máis solventes, como é o caso da Xunta de Galicia, que cumpriu con todo o anunciado, pasando así, o “goberno” do Sr. Llano, de puntillas sen gastar un só céntimo ante esta situación excepcional derivada da pandemia da covid-19”.
Dende a xestora do PP de Burela cuestiónanse “para que serve un alcalde que é incapaz de tomar decisións para a vila á que representa, cando os seus veciños e veciñas realmente o precisan. Parece que pensa que unicamente foi elixido para cobrar o seu soldo a fin de mes”, matizan.
Os populares cumpren coa súa labor de control ao goberno local
“Na reunión de traballo tamén se puxo de manifesto que o único Grupo que está a fiscalizar, debidamente e con criterio, as accións e a falta de accións en moitos casos do goberno do Sr. Llano é o Grupo Municipal Popular. E a proba disto é, por exemplo, a postura manifestada por órganos autónomos e independentes de carácter supramunicipal como é a Valedora do Pobo”, explican.
Os populares lembran que a Valedora do Pobo requiriu, ata en dúas ocasións, “un informe que xustifique a opacidade do “goberno” de Llano ao longo do ano pasado, ante as numerosas peticións de información do Grupo Municipal Popular, que non recibiu contestación ante a solicitude de documentación tan diversa como facturas dubidosas, incumprimentos de convenios con asociacións, expedientes de denuncias xudiciais contra o Concello, etc”.
Así mesmo, critican “a postura do grupo do BNG que é de absoluto servilismo de cara ás pretensións do Sr. Llano” e que, polo tanto, se converte “nun mero apéndice do grupo socialista local”.