Burela, 13 de maio, 2021. O PP de Burela lamenta “a ausencia de proxecto para Burela do alcalde Llano e do seu “equipo de goberno” que lle está a pasar factura a tódolos veciños e veciñas”. Así o explica o presidente da xestora, Manuel Rouco, trala primeira reunión de traballo presencial da xestora do PP burelés trala finalización do estado de alarma que contou coa presenza da presidenta provincial do PP, Elena Candia, que se sumou ás críticas “á falta de traballo e o acomodamento por parte do goberno local socialista”. Nese sentido, convidou aos populares a “continuar realizando un traballo serio en beneficio dos veciños de Burela”.
O popular engade que “a nula capacidade de reacción do alcalde socialista ao longo do estado de alarma coloca a Burela no furgón de cola de tódolos concellos da Mariña. Unha proba disto é a incapacidade do actual alcalde para completar unha liña de axudas directas ao comercio e á hostalaría ao longo deste último ano de estado de alarma cando noutros concellos da nosa contorna xa están a repartir unha segunda liña de axudas locais”.
Os populares cren que “o alcalde Llano quixo delegar os plans de rescate noutras administracións máis solventes, como é o caso da Xunta de Galicia, que cumpriu con todo o anunciado, pasando así, o “goberno” do Sr. Llano, de puntillas sen gastar un só céntimo ante esta situación excepcional derivada da pandemia da covid-19”.
Dende a xestora do PP de Burela cuestiónanse “para que serve un alcalde que é incapaz de tomar decisións para a vila á que representa, cando os seus veciños e veciñas realmente o precisan. Parece que pensa que unicamente foi elixido para cobrar o seu soldo a fin de mes”, matizan.
Os populares cumpren coa súa labor de control ao goberno local
“Na reunión de traballo tamén se puxo de manifesto que o único Grupo que está a fiscalizar, debidamente e con criterio, as accións e a falta de accións en moitos casos do goberno do Sr. Llano é o Grupo Municipal Popular. E a proba disto é, por exemplo, a postura manifestada por órganos autónomos e independentes de carácter supramunicipal como é a Valedora do Pobo”, explican.
Os populares lembran que a Valedora do Pobo requiriu, ata en dúas ocasións, “un informe que xustifique a opacidade do “goberno” de Llano ao longo do ano pasado, ante as numerosas peticións de información do Grupo Municipal Popular, que non recibiu contestación ante a solicitude de documentación tan diversa como facturas dubidosas, incumprimentos de convenios con asociacións, expedientes de denuncias xudiciais contra o Concello, etc”.
Así mesmo, critican “a postura do grupo do BNG que é de absoluto servilismo de cara ás pretensións do Sr. Llano” e que, polo tanto, se converte “nun mero apéndice do grupo socialista local”.