Site icon Crónica3.com A Mariña

Outros 3 puntiños á buchaca (5-3)

Burela, 14 de maio, 2021. O Pescados Rubén Burela conseguiu tres puntos importantísimos esta tarde ante Real Betis Futsal (5-3) co gran apoio do seu talismán, Vista Alegre, para facerse cada día máis forte no gran reto que ten por diante nesta recta final. Sen apenas respiro, a Bombonera volverá a enfundarse no mono de traballo xa o martes, ás 21.00 horas, coa visita do titánico FC Barcelona (en directo por Teledeporte).

Renato, que sumou hoxe o segundo triplete da semana, liderou a iniciativa dos mariñáns. Con 35 segundos para o ecuador do primeiro acto, a Xoia Laranxa puxo o 1-0 pola escuadra tras conducila pola banda, que ampliou no 12. Reduciron distancias os de Juanito tan só un minuto despois, con Bocao, en estratexia. Edu evitou o empate no 15 nunha transición dos andaluces na que gañou o naronés no man a man con Eric Pérez. O protagonismo na rede bética viviuse no 19, con Sarmiento como salvador do terceiro dos galegos ante David Pazos.

Os béticos, que deron un paso adiante na segunda parte fronte á contención e acerto goleador dos locais, igualaron o marcador no minuto 27, nunha acción desafortunada para os da Mariña, cun saque de banda que tocou en Javi Rodríguez para coarse pola liña de meta de Edu. Non puido recuperar a vantaxe Pescados Rubén con Iago Míguez no 29, a pase de Pazos, e Quintela, no 31; tamén puxeron o perigo sobre a rede de Sarmiento Giasson e Lucho. Con catro minutos por diante, Álex Diz liderou o xogo de cinco. No primeiro cambio con Edu, Sarmiento freou por partida dobre a Quintela. Estaba a merecelo o cadro laranxa e Quintela aproveitou un balón morto para subir o 3-2. Respondeu o Betis con Burrito con xogo de cinco. Para estalido da Bancada Laranxa, Renato repetiu hattrick a un e medio da bucina, pero o Betis non estaba disposto a ceder e puxo máis emoción á frenética recta final con Emilio Buendía. Para selar a festa, Lucho asinou o definitivo 5-3 a 30 segundos.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, David Pazos, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Javi Rodríguez, Giasson, Álex Diz, Pitero, Lucho, Iago Míguez

Real Betis Futsal: Sarmiento, Burrito, Chaguinha, Rubén Cornejo, Víctor Arévalo, cinco inicial; tamén xogaron Rizo, Bocao, Elías, Eric Pérez, Emilio Buendía, Ivi

Goles: 1-0, minuto 10, Renato; 2-0, minuto 12, Renato; 2-1, minuto 13, Bocao; 2-2, minuto 27, Javi Rodríguez ( p. p.), 3-2, minuto 37, Quintela; 4-2, minuto 39, Renato; 4-3, minuto 40, Emilio Buendía; 5-3, minuto 40,Lucho

Árbitros: Martínez Segovia // Múnez Carpinteiro. Por Burela amarela para Matamoros (minuto 23). Por Betis amarela para Ivi (minuto 29), Elías (minuto 34)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre.

Exit mobile version