Otero intervirá, na Comisión 2ª do Parlamento Autonómico a partir das 10:30 horas, para lembrar que este vial é un dos máis importantes do concello de Foz, “e ademais de servir como principal vía de comunicación das parroquias de Cordido e Cangas coa capital municipal, tamén é a vía máis directa de unión de Alfoz e O Valadouro con Burela e coa Mariña Occidental. Polo tanto, esta estrada soporta un elevado tráfico de vehículos, o que constitúe un perigo para os veciños e veciñas que viven na travesía de Cangas, no barrio de Vilamor”.
A Voceira de Infraestruturas sinala ademais que “unha parte desta travesía conta con beirarrúas, que se fixeron en dúas fases distintas, a última no ano 2015, pero a actuación non se completou, polo que as vivendas máis próximas a Ferreira do Valadouro teñen un risco engadido e os peóns non se poden desprazar coa debida seguridade”. Así mesmo advirte que “o estado de conservación destas beirarrúas non é o máis axeitado, atopándose lousas levantadas, o que implica riscos de tropezóns e caídas, como xa ten acontecido nalgunha ocasión”.
Ademais este vial conta con outro problema de seguridade, “xa que a rede pluvial existente na estrada, conta con pozos de grandes dimensións abertos, sen ningún tipo de protección, o que constitúe un gran risco de caída para a veciñanza que vive nesta travesía”, denuncia Otero.
Pouca implicación da Xunta en Foz
Pola súa banda o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto criticou a pouca implicación da Xunta nos proxectos da vila. “Mentres dende o Concello de Foz estamos continuamente mellorando as nosas infraestruturas viarias, dentro da nosa capacidade orzamentaria, o Goberno de Feijóo mira cara outro lado cada vez que ten executar unha obra da súa competencia na nosa vila. Solo pedimos que arranxen unha estrada de titularidade autonómica, é dicir propiedade da Xunta como neste caso, nin máis nin menos”, dixo.