Patricia Otero advertiu que a roda de prensa do deputado popular “é un acto máis da estratexia que iniciou o PP para tratar de falsear a realidade dos investimentos do goberno socialista na cidade e na provincia de Lugo”.
A secretaria provincial lembra que Jaime de Olano “foi deputado nos case 80 meses de goberno de Mariano Rajoy, e durante esa etapa non houbo nin un só investimento en obras públicas na nosa provincia de Lugo. Daquela Jaime de Olano calou e consentiu, e non se lembrou para nada da provincia”, insistiu. Tamén aludiu a creación da Unidade da Policía en Ourense, “pero esquecéronse de Lugo e deixárona sen ela, que é a única provincia que non conta con ela”.
Otero dixo que o deputado do PP “veu a Lugo a mentir aos cidadáns para ocultar os máis de 500 millóns de euros que o goberno socialista inviste no tren Ourense-Lugo, a reanudación das obras da autovía A 54 que conectará a cidade con Santiago, o investimento do novo edificio do Instituto Nacional de Estatística (INE) que supuxo un montante de 2,4 millóns de euros, ou a creación dun novo xulgado do social.
Ademais doutras políticas que melloraron considerablemente a vida da nosa veciñanza como son a suba das pensións ou a creación de novas prestacións como o ingreso mínimo vital (IMV)”.
Así as cousas a dirixente socialista replica que “as mentiras de Olano e do PP non poden ocultar a única realidade, que non é outra que a dun goberno progresista comprometido con Lugo e os lucenses, e cuxo progreso se opón unha e outra vez co seu voto o PP no Congreso”.
A secretaria provincial afirma que “o que debería explicar a toda a provincia o Deputado do PP, é porque se opuxo a unhos orzamentos que multiplicaron o investimento público en toda a provincia, e que aumentaron as partidas sanitarias así como os recursos en atención á dependencia ou para aqueles que sofren situacións con graves carencias, ou mesmo resolver e abordar o problema de visibilidade no Fiouco”, argumentou.
Incumprimentos do PP
Por último Otero referiuse aos incumprimentos do Goberno do PP coa cidade de Lugo e coa provincia, e que hoxe seguen paralizados polo Goberno de Feijóo. “A VAC Costa Norte, Plan Paradai ou a rolda leste en Lugo, o desdobramento do corredor Nadela-Monforte de Lemos que se solventa con parches, ou os accesos ao Porto Seco que segue paralizado”, resumiu.