Burela, 21 de maio, 2021. Este venres celebrouse o XXII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reuniu, como cada ano, ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.
A reunión inclúese dentro do programa de eventos de Expomar 2021, xunto coas Xornadas Técnicas do xoves, baixo o título “2021: odisea na Pesca”, nunha clara mención aos diferentes desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nesta época marcada pola pandemia da Covid-19.
O Encontro, no que participaron representantes de 22 organizacións pesqueiras de ámbito autonómico, nacional e europeo, celebrouse entre as 10:00h e as 14:30h por videoconferencia.
Ademais de poñer en valor a importancia da pesca como sector estratéxico e esencial na economía, que mantivo a súa actividade sen descanso durante toda a pandemia, as reflexións deste ano centráronse nas principais amenazas que se detectan a curto prazo para o futuro do sector, como son o ámbito sociolaboral da pesca, o exceso de normativas e as relacións coas Adminstracións.
A próxima edición do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras cítase para maio de 2022, esperando poder celebralo en Burela de maneira presencial, como tiña sucedido nos seus primeiros vinte anos de vida.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal. A Fundación Expomar amósase moi satisfeita tra-los eventos deste ano, que, unha vez máis pese ás dificultades, gozaron dun nivel de participación moi alto e sirviron de novo como foro de debate sobre os principais problemas do sector.