Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación fai entrega dunha vitrina para conservar a única bandeira republicana que a Garda Civil ten en Galicia

Lugo, 4 de maio de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, fixo entrega este martes dunha vitrina ao coronel xefe da Comandancia Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, para conservar a única bandeira republicana que o corpo armado ten en Galicia. Ao acto, celebrado no Pazo de San Marcos, asistiu tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López.

Tomé Roca deu así resposta á petición que a principios deste ano fixo chegar o propio oficial superior da Garda Civil á institución provincial. “É unha honra poder axudar a conservar parte do legado histórico da nosa provincia e do país. Este é un emblema único do corpo armado en Galicia e esta dotación permitirá, dunha banda, manter unhas condicións ideais de illamento para evitar o seu deterioro e, doutra, expoñelo á cidadanía”, afirmou o Presidente. A insignia de 1935 retornou á provincia no ano 2019 dende o Museo de Valdemoro, logo de 75 anos en Madrid, e baixo a condición do cumprimento de estritas condicións de mantemento dada a súa antigüidade e o seu valor histórico.

A vitrina, financiada pola institución provincial, é un moble cunha superficie de vidro que se situará no vestíbulo da Comandancia e permitirá amosar a bandeira completamente estendida e conservala nun estado óptimo, protexida dos cambios de temperatura, humidade e po que puideran danala.

O Goberno da República concedeu en outubro de 1935, a bandeira nacional á Comandancia da Garda Civil de Lugo como recoñecemento ao labor realizado pola institución na provincia desde a súa creación en 1844. A confección e adquisición da mesma así como dos seus accesorios –hasta, punta de lanza co escudo da provincia de Lugo, cintas e cordóns dourados- foron sufragados polos concellos lucenses.

Permaneceu na Comandancia ata 1944. O 1 de xullo dese ano a Dirección Xeral da Garda Civil ordenou a retirada de todas as bandeiras que foran entregadas durante a República, polo que quedou depositada no Museo do Exército. No 2004 pasou ao Museo de Gardas Xóvenes de Valdemoro, onde a localizou o coronel xefe da Comandancia, Miguel Ángel González Arias. A bandeira retornou a Lugo no ano 2019, con motivo do 175 aniversario da fundación da Garda Civil, grazas ás xestións realizadas polo coronel González Arias, quen investigou sobre o seu paradoiro e a súa historia, ademais de conseguir que lle fora cedida á Comandancia en depósito.

Características da bandeira
Nalgún momento entre os anos 1936 e 1944, ocultouse a franxa morada da bandeira cunha tela de cor vermello, pero o emblema conserva todas as características que identifican as bandeiras da II República de acordo ao decreto de 27 de abril de 1931: forma cadrada, tres bandas do mesmo ancho, escudo bordado da República.

Exit mobile version