Lugo, 19 de maio de 2021. Un goberno que perde cartos de aportación externa por non facer ben o seu traballo, é un goberno prexudicial para a comunidade. Isto é o que ocorre en Foz, onde, segundo explica o portavoz popular, Javier Castiñeira, “a Deputación de Lugo comunicou recentemente ao Concello de Foz que non pagará a totalidade do importe que lle corresponde do Plan Único 2019, concretamente 3.600 euros, porque non xustificou ben o gasto, ou a tempo, por unha obra de pavimentación en Vilaronte”.
Castiñeira lembra que “o Plan Único do 2019 deseñouno o anterior goberno de Foz, do PP, e máis do 80% dese plan estaba dedicado a obras no rural”. Engade: “Neste caso era unha obra de pavimentación en Vilaronte, que o goberno local actual, presidido polo señor Cajoto (PSOE), tivo que executar, pero non a xustificou a tempo. Esa falta de experiencia na que as veces se desculpa o señor Cajoto non é xustificación ningunha. O equipo de goberno ten que facer o seu traballo; ademais é o equipo de goberno con máis membros na historia de Foz, con dez concelleiros, dos cales tres están asalariados”.
Para Castiñeira “é inadmisible que non se xustifiquen ben os planes de subvencións, neste caso o Plan Único, que xa estaba feito”. Os populares preguntaron ao alcalde por este asunto na pasada sesión “e non foi capaz de dicirnos cales foron os motivos”.
No PP cren “que o equipo de goberno non fai ben o seu traballo; esta é unha mostra máis do deixamento deste bipartito e da falta de traballo en equipo; é un equipo moi numeroso pero moi pouco áxil e moi pouco eficaz”.