Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro afirma que a alcaldesa coñeceu o peche do matadoiro municipal por un carniceiro

Viveiro, 5 de maio de 2021. O goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, leva demostrado sobradamente graves déficits na súa xestión, altamente nocivos para os intereses dos veciños, pero aínda non alcanzara a cota que acaba de alcanzar coa súa incualificable falla de goberno con respecto ao matadoiro municipal. Loureiro recoñeceu na máis recente sesión plenaria que coñeceu “por un carniceiro” que a empresa concesionaria da explotación do matadoiro pechou as instalacións e que non presta o servizo. Diante desta situación, e das numerosas e graves decisións que terá que adoptar o Concello sobre este asunto, o portavoz popular, Óscar Rodríguez, insta á alcaldesa a constituír unha comisión especial, con representación de todos os grupos municipais.

Rodríguez di que a afirmación feita no pleno pola alcaldesa pon claramente de manifesto que houbo un absoluto abandono por parte do Concello no control do funcionamento do matadoiro municipal, como denunciou recentemente o PP. O portavoz popular sinala: “É inaudito que teña que ser un carniceiro, un usuario do servizo, o que informe ao goberno local de que a empresa pechou o matadoiro, que é unha concesión municipal. É inaudito e moi grave, tanto que non é descartable que haxa responsabilidades legais ás que facer fronte tanto por parte da empresa como do propio Concello”.

Rodríguez sinala que, segundo parece, a teor das explicacións dadas pola alcaldesa, a empresa entrou en concurso de acredores e botou o peche cando lle pareceu ben. No máis recente pleno, o goberno local incluíu na orde do día o inicio do expediente para a resolución do contrato da concesión. Engade: “Agora, ademais da resolución do contrato, haberá que tomar decisións moi relevantes. Haberá que decidir como se afronta a inevitable modernización das instalacións, se por conta do Concello e antes da nova concesión, ou se as obras deberá asumilas a nova concesionaria. E non menos relevante: haberá que comprobar a situación económica en relación coa empresa que ata agora tivo a concesión, para ver se estaba ao día nas súas obrigas económicas co Concello”.

Os populares tiñan presentadas varias preguntas sobre o matadoiro ao goberno local para que as respondera na pasada sesión plenaria. Rodríguez di que a alcaldesa desculpou a falta de control sobre o matadoiro botándolle a culpa á pandemia, asegurou que ningún concelleiro se encarga explicitamente deste servizo e escapou de contestar ás outras cuestións.

Rodríguez sinala: “Espero que a alcaldesa atenda a solicitude que fai o PP para a creación dunha comisión especial para aclarar que pasou co matadoiro e que vai pasar no futuro; é preciso tamén aclarar responsabilidades, incluídas as de índole legal, se houbera, porque unha empresa que traballa para a Administración non pode deixar de facelo sen, como mínimo, informar previamente de que o vai facer, nin é admisible que, como neste caso, a Administración afectada, o Concello, coñeza o peche por boca dun usuario do servizo e non por si mesma”.

Exit mobile version